A mellora da mobilidade na conexión entre o centro urbano e o Vial de Praias é un dos proxectos máis ambiciosos nos que está a traballar o Goberno local. A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, informaron onte de que xa se ten redactado o proxecto para a reordenación da zona da Rúa do Forte, é dicir, a fase 1 da remodelación do Vial de Praias.
Este proxecto, que xa está presentado no Concello e pendente de autorizacións sectoriais, ten como obxectivo reordenar todo o espazo do viario que discorre pola marxe dereita da Rúa do Forte, entre a entrada principal da Escola Naval Militar ata a porta do pavillón do propio centro castrense. “Esta é a primeira parte que abordaremos do proxecto global que temos para o
Vial de Praias”, tal e como explicou a alcaldesa durante unha visita ao propio sendeiro litoral co técnico responsable da redacción do proxecto, que xa está a preparar a segunda fase, que se financiará cos fondos europeos do Plan de Sostibilidade Turística que conseguiu o Concello.
No que respecta á zona da Rúa do Forte, “queremos facer un proxecto integral co que mellorar a conexión do casco urbano co Vial”. Desta maneira, humanizarase todo primeiro tramo, mellorando a accesibilidade e a mobilidade da vía. Eliminarase un dos carrís de circulación da calzada para crear un carril bici separado do tráfico rodado e anchearase a beirarrúa para adaptala aos estándares de accesibilidade. Nos espazos nos que non sexa posible ter ese carril bici separado da beirarrúa, habilitarase unha zona de convivencia entre os peóns e as bicicletas debidamente sinalizada.
Tal e como se pode ler no proxecto presentado, a beirarrúa será de baldosa cun acabado granallado e o carril bici realizarase en formigón coloreado semipulido. Ademais, o proxecto inclúe a repavimentación da calzada e a instalación de pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria. Actuarase tamén no alumeado público, eliminando os puntos de luz actuais e substituíndoos por 11 de tecnoloxía LED, para fomentar a eficiencia enerxética e a sostibilidade medio ambiental.
Por outra banda, aproveitarase a actuación para tamén renovar a rede de saneamento da propia Rúa do Forte e así non ter que actuar nun futuro neste sentido, mancando o pavimento renovado.
Unha actuación cofinanciada polos fondos FEDER
A xestión municipal permitiu que todo o que se proxecta para mellorar a conexión Marín-praias poida financiarse coa axuda da Unión Europea. Así como a segunda fase formará parte do Plan de Sostibilidade Turística, neste caso, a fase 1 que se corresponde co proxecto presentado hoxe financiarase a través da estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
O orzamento que se estipula para o proxecto é de cerca de 333.000 euros. Unha vez o proxecto conte con todas as autorizacións correspondentes, iniciarase o proceso de licitación, para finalmente adxudicar as obras, que teñen un prazo de execución de 4 meses.