Alcaldesa e concelleiros cunha usuaria do lavadoiro de Mogor.


A protección e a posta en valor dos elementos patrimoniais é fundamental para coñecer a nosa historia como vila. Dous deses elementos, a fonte e o lavadoiro de Mogor, están a ser obxecto dunha actuación que persegue precisamente eses obxectivos.

Trátase de elementos etnográficos catalogados, que a día de hoxe seguen sendo moi utilizados pola veciñanza da zona e doutros lugares, tanto para recoller auga da fonte como incluso para utilizar o lavadoiro para lavar.

A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Cristina Acuña e Pablo Novas fixeron esta semana unha visita de obra ata o lugar, no que se renovou toda a cuberta e se restruturou o terreo anexo. As obras están nun estado moi avanzado de execución, a falta duns traballos finais. En todo momento, restauráronse os elementos catalogados facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afectaron á estética.

Creouse ademais unha estrutura en madeira embelecedora para o bombeo e colocáronse varios bancos na contorna.

A inversión prevista é de 115.215,8 euros, que se realizará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *