O alcalde de Vilaboa, César Poza, no o seu despacho.

O volume de intervencións, a orografía e dispersidade de Vilaboa xustifican o reforzo para unha agrupación de voluntarios de referencia na contorna

O Concello de Vilaboa solicita da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a dotación dunha motobomba lixeira de carácter urbano, un equipamento considerado imprescindible dadas as especiais características xeográficas e de risco do municipio.

A petición, respaldada polos 17 voluntarios que compoñen a agrupación de Protección Civil de Vilaboa, entre os que se encontran varios profesionais de distintos servizos de emerxencias–, xorde tras unha exhaustiva análise de riscos e do elevado número de intervencións realizadas. No que vai de ano, rexistráronse máis de 70 avisos de emerxencias nas que un camión con equipación especializada resultou necesario.

“Temos unha agrupación de protección civil que está funcionando perfectamente”, destaca o alcalde de Vilaboa, César Poza, quen recorda que regularmente recibe felicitacións dos efectivos do medio rural polo seu traballo e profesionalidade demostrada en cada intervención, especialmente durante os incendios do pasado verán.

A AVPC Vilaboa consegue tempos de resposta de entre 8 e 10 minutos a calquera punto do concello, o que resultou determinante para evitar que pequenos incendios se estendan, liberar atrapados en accidentes de tráfico sen demorar a asistencia sanitaria, e realizar rescates sen ocupar o único retén de bombeiros da comarca. En contraste, o arque de bombeiros máis próximo (Bueu) non baixa dos 35 minutos de resposta cando está dispoñible, e noutros casos o servizo procede de Mos (GES) con tempos superiores aos 40 minutos.

Un municipio de alto risco

Vilaboa presenta circunstancias extraordinarias que xustifican esta dotación como son a súa orografía accidentada, con 39 km² cunha altitude que oscila desde os 0 aos 660 metros, con zonas de difícil acces; máis do 80% de superficie cuberta de masa forestal, gran parte sen aproveitar e con alta densidade de combustible; 6.000 habitantes repartidos en 5 parroquias e ducias de barrios dispersos; industrias de tamaño considerable con risco de incendios industriais (Connorsa, Shelter-Lirón, fábricas de mobles, desguaces) e tres gasolineiras e vías de altísima densidade de tráfico (AP-9, N- 554, N-550, A57).

O gran incendio de Santa Cristina do pasado verán, que acadou o nivel 2 e arrasou 80 hectáreas, evidencia o potencial risco ao que se enfronta o municipio.

A motobomba lixeira de carácter urbano solicitada non só daría servizo no verán ante incendios, senón durante todo o ano para diversos tipos de incidencias como inundacións, problemas relacionados coas choivas, tormentas de inverno, accidentes de tráfico con atrapados e rescates en distintos ámbitos.

Actualmente, a agrupación conta con dous vehículos: un turismo de 23 anos e unha Pick Up de 12 anos equipada cunha mini motobomba de 500 litros instalada artesanalmente. “Estamos baixo mínimos cos vehículos que temos para semellante volume de servizos urxentes”, alertan os voluntarios polo que César Poza solicita á Xunta que “colabore con nós para dotarnos deste medio tan necesario para garantir a seguridade en Vilaboa e a eficiencia do traballo dos voluntarios”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *