O goberno local lamenta as críticas infundadas do PP e o intento de xerar alarma social pese a coñecer a actuación aprobada no pleno de maio
O Concello de Vilaboa procedeu hoxe á colocación dos módulos semafóricos renovados na estrada N-554, uns elementos que foran retirados nas últimas semanas para a súa actualización integral. Con esta intervención, o goberno local busca reforzar a seguridade viaria nunha das vías con maior intensidade de tráfico do municipio, especialmente nos pasos de peóns situados en tres cruzamentos estratéxicos. A actuación, aprobada polo Pleno municipal o pasado mes de maio, realizouse con fondos propios e supuxo un investimento de 50.069 euros.
Os informes técnicos municipais advertían do deterioro evidente da instalación existente, con módulos semafóricos total ou parcialmente fundidos que reducían a visibilidade e xeraban unha situación de inseguridade tanto para peóns como para condutores. Ante esta realidade, o Concello impulsou unha renovación integral destinada a devolver a plena funcionalidade aos pasos de peóns a nivel e garantir condicións óptimas de iluminación, sinalización e resposta dos equipos.
Os traballos incluíron a retirada das instalacións deterioradas e a colocación de novos módulos semafóricos 13/200 PC e 12/200 PPC, pulsadores de demanda para peóns, cableado eléctrico renovado, proxectores LED de iluminación sobre o paso e armarios de centralización. Ademais, procedeuse á renovación dos báculos existentes mediante un proceso de esmaltado e preparación das superficies, co obxectivo de asegurar a súa durabilidade e correcta integración no conxunto da instalación.
O executivo local subliña que os módulos estaban fundidos ou inutilizados e que a súa substitución era urxente e imprescindible, motivo polo que a actuación se levou ao Pleno do mes de maio para a súa aprobación polo que lamenta que unha intervención necesaria sexa convertida nun motivo de confrontación política. O goberno municipal considera lamentable que o Partido Popular se instale permanentemente nunha alerta social baseada no descoñecemento, especialmente cando todos os seus concelleiros e concelleiras asistiron ao pleno no que se explicou con claridade que os semáforos se retirarían para a súa renovación e volverían colocarse. A pesar de sabelo, non dubidaron en crear unha alarma totalmente infundada, empregando a seguridade da veciñanza como arma partidista, cando o único irresponsable sería manter instalacións defectuosas nunha vía con tanto tráfico como a N-554.

