Único acceso por las escaleras del cementerio de San Adrián.

O goberno local lamenta a polémica alimentada polo PP, nega categóricamente a apropiación dos panteóns e pide “respeto” para as familias de Vilaboa

O pleno da Corporación dará luz verde este mércores á actuación do Inventario Municipal resolven as alegacións presentadas por particulares e polo grupo municipal do Partido Popular, un trámite administrativo que non implica ningún cambio na titularidade dos panteóns privados.

A administración municipal quere aclarar que esta actualización constitúe un trámite puramente técnico e administrativo que en ningún caso implica modificación ningunha na natureza xurídica ou titularidade dos panteóns privados existentes nos cemiterios municipais.

Os cemiterios municipais están clasificados no Inventario desde a súa aprobación definitiva en 1993 como bens de dominio público afectos ao servizo público. Esta cualificación do solo non interfere en absoluto coa propiedade privada que os particulares ostentan sobre os seus respectivos panteóns, nichos ou sepulturas, un dereito recoñecido pola xurisprudencia consolidada e que o Concello respecta plenamente.

Resulta particularmente clarificadora a doutrina establecida polo Tribunal Supremo na sentenza da Sala Primeira do Civil do 25 de outubro de 1993, na que se establece que “sendo o cemiterio municipal un ben de dominio público destinado a cumprir un servizo público e como tal inalienable, imprescritible e inembargable, as controversias que se susciten entre particulares sobre os dereitos de enterramento ou sobre o solo dun cemiterio municipal non poderán afectar a aquel dominio público do Concello, posto
que tales dereitos privados non serán en ningún caso equiparables á propiedade do solo que pertence á Entidade local”.

O documento técnico de actualización do Inventario respecta escrupulosamente este marco xurídico e non pretende en ningún momento alterar a situación preexistente, limitándose a recoller a natureza demanial do solo dos cemiterios, sen que isto afecte aos dereitos de propiedade privada sobre os panteóns, que permanecen intactos.

O equipo de goberno lamenta profundamente as informacións falsas difundidas por certos sectores, nomeadamente o grupo municipal do Partido Popular, que suxiren unha pretendida apropiación municipal ou expropiación dos panteóns particulares, creando unha alarma social totalmente inxustificada. Estas aseveracións carecen de todo fundamento xurídico e fáctico, e resultan especialmente irresponsables por tratarse dun tema que afecta a sentimentos moi íntimos das familias.

O Concello de Vilaboa reitera o seu compromiso coa transparencia e co escrupuloso respecto aos dereitos da cidadanía, e insta a aqueles que difunden informacións incorrectas a actuar con responsabilidade e rigor, evitando xerar preocupacións innecesarias entre os veciños e veciñas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *