Terá lugar entre marzo e xuño dirixido a familias con fillos e fillas na adolescencia en situacións de risco
A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Accesibilidade do Concello de Moaña porá en marcha entre os meses de marzo e xuño o Programa PROTEGO, unha iniciativa dirixida a familias con fillos e fillas preadolescentes e adolescentes que presentan situacións de risco na familia ou nos propios fillos e fillas.
O programa será impartido pola Asociación Érguete, a través de profesionais do seu Equipo de Prevención, en formato presencial.
A intervención desenvolverase ao longo de catro meses, cun total de 8 sesións de 90 minutos de duración, a razón de dúas sesións ao mes, que terán lugar dous martes cada mes. Para facilitar a asistencia, habilitaranse dous grupos, un en horario de mañá e outro en horario de tarde.
O Programa PROTEGO ten como obxectivo promover a parentalidade positiva e a mellora das habilidades educativas nas familias, traballando aspectos clave como a comunicación, o establecemento de normas e límites, a supervisión, o fortalecemento dos vínculos entre pais/nais e fillos/fillas e a clarificación da posición familiar fronte ás condutas problemáticas e de risco, incluídas as adiccións.
Os contidos do programa estrutúranse nas seguintes sesións:
- “Camiñando cara o cambio”: presentación do programa e definición dos obxectivos de traballo. 10 marzo
- “Falando enténdese a xente”: habilidades de comunicación. 24 marzo
- “Coidando as relacións”: redución dos conflitos e mellora das relacións familiares. 7 abril
- “Isto si, isto non”: establecemento de normas e límites.21 abril
- “Premios e sancións”: a familia como factor protector fronte ás adiccións. 5 maio
- “As sustancias a debate”: que deben saber as familias sobre as adiccións. 19 maio
- “Novas respostas a novos problemas”: traballar a saúde dixital no fogar. 2 xuño
- “Facendo balance”: seguimento e clausura do programa. 16 xuño
As persoas interesadas en participar poden solicitar información e realizar a inscrición contactando con Noelia Romero, nos teléfonos 621 344 351 ou 986 250 240, en horario de 9:00 a 15:00 horas.
Desde a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Accesibilidade destácase a importancia de desenvolver programas preventivos que reforcen o papel das familias como elemento clave no benestar e desenvolvemento saudable da infancia e da adolescencia no municipio.

