Numerosos veciños acercáronse aos representantes políticos durante o paseo.

Unha vez terminada a obra de recuperación do espazo público levada a cabo na estrada provincial EP 1104 que conecta a parroquia canguesa de Coiro coa de Abelendo, en Moaña, ao seu paso por O Casal, o Concello moañés exponse como medida complementaria para garantir a convivencia entre vehículos e peóns a instalación dun sistema de control da velocidade. En palabras da súa alcaldesa, Leticia Santos, a actuación realizada nesta zona xa actuou como medida disuasoria pero necesitaríase «priorizar aínda máis o control da velocidade» para cumprir os 30 km/h que marca como máximo. Aínda así precisou que non saber «cal é a forma máis acertada» para facelo. «Os viais municipais son para respectar a velocidade porque hai que usalos en convivencia con todos os axentes que participamos na vía pública», afirmou.

Santos realizou estas declaracións tras visitar a mellora da seguridade levada a cabo nesta zona e conversar cos seus veciños. Tamén o fixo o deputado provincial Santos Héctor, os edís Odilo Barreiro e Rodrigo Currás, e a tenente de alcaldesa, Marta Freire. Cun investimento de case 700.000 euros achegados polo IDAE e pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos, as obras cambiaron por completo o aspecto deste vial «contando sempre cos veciños», destacou o deputado provincial que cederon as súas propiedades para «gañar espazo» para os viandantes. Tras esta remodelación, o goberno local comprométese a asumir o seu mantemento.

Paseo para visitar as melloras levadas a cabo na estrada provincial.

Características da mellora

As persoas usuarias xa poden empregar unha plataforma de circulación que se veu ampliada e que, ademais, en case 400 metros do seu itinerario conta con sendas peonís en ambas beiras. Naqueles tramos onde non foi posible levar a cabo estas sendas a estrada provincial dispón dunha plataforma única con prioridade peonil. Ademais, para completar a seguridade viaria das e dos peóns, as obras comprenderon a execución dun paso de peóns sobreelevado e de varios redutores físicos de velocidade.

Tamén se actuou nos servizos desta estrada provincial, á que se dotou de drenaxe das augas pluviais en todo o percorrido. As obras comprenderon tamén un cambio de iluminación ao longo de todo o traxecto enfocado ao aforro enerxético ao renovar completamente a iluminación pública e dispor de farois e luces con tecnoloxía led. E pola súa banda, os servizos de subministración eléctrica e de telecomunicacións quedaron soterrados. Ademais, instalouse mobiliario urbano como bancos de madeira e habilitáronse alcorques para a delimitación das árbores existentes, que se completaron coa plantación de catro oliveiras.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí