Cumprir as ordenanzas municipais por parte da veciñanza é esencial para poder ter unha boa convivencia. Pero non sempre é así e por iso é importante condear e concienciar da necesidade de seguir certas normas coas que manter en bo estado o espazo público.
Nestes últimos días, chegaron ao Concello avisos de cheiros insorportables nalgunhas zonas de Dr. Touriño e na Rúa da Ponte, que procedían dalgúns colectores de lixo. Detectouse que se produciran varios verquidos de peixe fóra do horario establecido na ordenanza e que, por tanto, debido ás elevadas temperaturas, emitía un cheiro que non só saía cara fóra, senón que quedou adherido aos propios colectores.
As brigadas municipais actuaron con rapidez, baleirando e chorreando os colectores afectados para repoñelos á maior brevidade posible, pero o Concello non se conforma. “Imos impulsar unha campaña de concienciación para lembrar a toda a veciñanza cales son as obrigas recollidas na ordenanza”, adiantou a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín.
“Son normas sinxelas, que se non se cumpren supoñen un grave problema para a veciñanza da zona afectada. Non se pode tirar lixo antes das 20.00 horas, sempre hai que facelo en bolsas pechadas e é de obrigado cumprimento facer a recollida selectiva, é dicir, a reciclaxe dos residuos”, detallou a edil.
Sanmartín condea “que situacións coma estas supoñan un agravio para todos e todas” e pide á cidadanía que colabore para ter un Marín máis limpo. “Sabemos que sempre hai carencias e que chegar ao todos os lugares á vez non é fácil, pero as nosas brigadas están traballando intensamente durante todo o verán para tratar de ter Marín no mellor estado posible e neste esforzo seguiremos traballando”.