O evento Galician Dance Tour, que se celebrará este domingo, contará cun total de 850 deportistas sumando as modalidades de baile deportivo e danza coreográfica.
O Concello de Marín converterase este fin de semana no epicentro do baile en Galicia. O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o organizador do evento, Miguel Abreu, de Bailes Galicia, presentaron esta mañá os detalles do Galician Dance Tour, acompañados polo coordinador de Deportes da Xunta de Galicia, Guillermo Reinaldo.
Será este domingo no Pavillón da Raña. O evento principal será a primeira proba da Liga Galega Xunta de Galicia de Hip Hop, que afronta o seu terceiro ano de vida batendo todos os rexistros históricos da modalidade na comunidade. Segundo detallou Abreu, participarán 680 bailaríns de hip hop, organizados en 60 grupos e 70 categorías individuais ou de parellas procedentes de diferentes clubs galegos.
Unha xornada completa de baile deportivo
A programación dividirase en dúas sesións diferenciadas. Pola mañá, a partir das 10:00 horas, terá lugar a competición de baile deportivo (estándar e latino), caribeño e danza coreográfica, que contará coa participación de 170 bailaríns. Ao ser a primeira proba do ranking nacional do ano, trátase dunha toma de contacto fundamental para os deportistas.
A partir das 14:00 horas dará comezo a mencionada liga de hip hop. Esta liga consta dun total de cinco probas repartidas por toda Galicia, onde os campións galegos sairán da suma dos tres mellores resultados obtidos, premiando ademais a regularidade de aqueles que compitan na totalidade do circuíto.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, amosou o seu orgullo por situar a Marín como referente nesta disciplina: “É unha satisfacción para o noso Concello acoller un evento de tal magnitude que trae a centos de mozos e mozas de toda Galicia. Marín aposta decididamente polo deporte e por disciplinas en auxe como o hip hop, que non só fomentan o exercicio físico, senón tamén a cultura e o compañeirismo”.
Éxito de público e reserva de entradas
Abreu informou de que xa hai 900 entradas reservadas, o que supón que o pavillón estará practicamente ao máximo da súa capacidade. Ante a previsión de que se esgoten as localidades, a organización recomenda facer as últimas reservas a través da páxina web bailegalicia.net.
En total, entre as competicións de mañá e tarde, o evento mobilizará a 850 bailaríns, consolidándose como unha das citas máis multitudinarias do calendario deportivo galego

