A actuación financiase con cargo ao Plan Concellos 2022 e inclúe o asfaltado do tramo da Avenida de Lugo e do acceso cara o Rego das Presas
O Concello de Cangas acometerá en breve o saneamento integral de Romarigo mediante a extensión dun colector polo marxen esquerdo da Avenida de Lugo e dun ramal polo camiño hacia o Rego das Presas que confluirán nun pozo de bombeo situado na confluencia coa rúa Freixo, desde o que bombeará á rede existente.
O investimento previsto supera os 155.500 euros, farase con cargo ao Plan Concellos 2022 e permitirá dotar deste servizo de saneamento a un importante núcleo de vivendas.
Entre as actuacións previstas está a demolición do pavimento necesario para facer a zanxa na que se instalará o colector de saneamento; a instalación do colector xeral na Avenida de Lugo cunha lonxitude de 235 metros, con 7 pozos de rexistro, e de outro secundario no Rego das Presas de 70 metros de longo con dous pozos de rexistro.
A solución técnica buscada para este entorno implica un pozo de bombeo soterrado baixo a plataforma do vial, executado con pezas prefabricadas de formigón dotado con dúas bombas, unha de reserva, que funcionarán en base aos niveis do pozo. O proxecto contempla unha tubería de impulsión cunha sección superior á necesaria para evitar problemas futuros de obstruccións.
A actuación conclúe coa reposición completa do pavimento a todo o ancho do vial da Avenida de Lugo así como no camiño cara o Rego das Presas con aglomerado asfáltico en quente.
Victoria Portas, alcaldesa de Cangas, apunta que esta é unha obra urxente e necesaria para sanear todo o entorno da Avenida de Lugo, contorna na que ainda quedan vivendas que carecen dos servizos esenciais. “Aproveitamos xa este proxecto para mellorar o firme da estrada, que tamén está deteriorado”.