O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas visitou hoxe xunto co presidente da Asociación Veciñal da Moreira, José Manuel Iglesias, o camiño Aveneiral, situado neste lugar da parroquia de San Xulián. A actuación de mellora que se levou a cabo consistiu na limpeza da cuneta e na drenaxe de auga do camiño, xa que a acumulación de lodo constante facíao impracticable. Posteriormente, aportóuselle unha capa de zahorra, que se compactou.
Esta actuación enmárcase no plan de colaboración que ten o Concello coas asociacións veciñais de ámbito rural, no que se inclúen este tipo de contribucións coas que facer estas pequenas melloras, que son importantes tanto para a mobilidade peonil, que cada vez é maior, como para a cuestión agropecuaria, xa que con estes proxectos recupérase o traballo nalgunhas fincas que están ao
carón dos camiños, mellorando a zona en xeral.
A Asociación Veciñal da Moreira foi capaz de levar a cabo esta mellora grazas á mencionada colaboración do Concello, que ascende a 3.500 euros, así como da CCMM de San Xulián e o Plan Social de Ence.