O Salón de Plenos do Concello acolleu esta mañá a celebración da Mesa Local do Comercio, que estivo presidida pola alcaldesa, María Ramallo, e na que participaron representantes dos grupos da Corporación e das asociacións de comerciantes da vila, así como da Xunta de Galicia.
Na orde do día tratouse a dinamización comercial que levarán a cabo a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín e a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos, un punto no que todos os integrantes da mesa mostraron o seu acordo na programación prevista.
Fóra da orde do día, desde a Asociación de Comerciantes Marín Sur (Acemas) quíxose poñer sobre a mesa de novo a problemática na parroquia derivada do peche da oficina de Abanca, unha decisión que consideran que afecta negativamente á economía local.
Tamén foron tratadas a petición da asociación as cuestións relacionadas co Centro de Saúde de Seixo, cuxo peche foi declinado en varias ocasións públicamente pola Consellería de Sanidade. A alcaldesa tomou en consideración as aportacións da asociación respecto ao tema.