Ambos inauguraron unha tempada que vai ata o 30 de xuño.
A nosa terra dá unha materia prima excelente para comer e beber da casa. Iso ben o saben os pequenos productores dos municipios galegos, que cando venden os seus excedentes, non hai quen se resista a degustalos.
Esa é a filosofía dos furanchos, unha cultura que está moi viva en Marín. O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, informou de que dous xa inauguraron a tempada: o Chámpalle unha Gaseosa e o de Víctor. Ambos estarán abertos durante todo este mes.

Na vila, os furanchos poderán abrir desde xa e ata o 30 de xuño, “tendo en conta que cada un non poderá exceder máis de 3 meses aberto para vender os seus excedentes de viño”, recordou Novas. Ademais, o concelleiro lembra que no caso de que algún aínda teña excedentes pasado o prazo da tempada, poderáselle conceder unha prórroga ata o mes de xullo, pero sen superar en ningún caso os tres meses máximos de apertura total.
A ordenanza municipal permite servir un máximo de cinco tapas a elixir entre orella/chourizo, tortilla, zorza/raxo, empanada, callos ou costela.
Como todos os anos, aqueles furanchos que queiran abrir deben solicitar a correspondente licenza ao Concello, que será o encargado de darlle luz verde e que así poidan abrir a súa actividade ao público.
