Inauguración do CESMAV.

O Centro de Maiores de Vilaboa oferta prezos simbólicos para actividades de envellecemento activo que xa suma 64 persoas usuarias semanais

O Concello de Vilaboa reafirma a súa aposta por un modelo público de atención ás persoas maiores que combina profesionalidade, accesibilidade económica e impacto social. A través do CESMAV (Centro Social e de Maiores de Vilaboa), o municipio ofrece un servizo integral orientado ao envellecemento activo e á intervención terapéutica, coordinado por persoal especializado da asociación Afamo, e a prezos moi inferiores aos que se manexan noutros centros da provincia de Pontevedra.

Nun contexto no que os centros de día privados presentan tarifas que oscilan entre os 250 e os 600 euros mensuais, Vilaboa mantén un sistema de prezos sociais que permite que calquera persoa maior poida acceder a actividades e atención especializada sen que o factor económico sexa un impedimento xa que as tarifas van dos 80 aos 170 euros ao mes en atención terapéutica en función dos días de asistencia semanal; cifras que contrastan fortemente coas tarifas do resto da provincia.

Desde a posta en marcha deste servizo no CESMAV, unha decena de persoas maiores de Vilaboa xa optou por participar activamente nas sesións semanais, beneficiándose dun programa personalizado e coordinado por profesionais da asociación Afamo. Esta acollida inicial confirma a necesidade e o interese da veciñanza por contar cun recurso próximo, accesible e de calidade, que contribúe a mellorar a saúde física, cognitiva e emocional das persoas usuarias.

En canto ao envellecemento activo, os obradoiros de memoria teñen un custo simbólico de 5 euros ao mes e contan xa coa asistencia de 29 persoas de xeito asiduo, mentres que a ximnasia de mantemento se ofrece por 10 euros mensuais e son 35 as persoas que participan, repartidas en dous grupos.

Este modelo, ademais de ser económicamente competitivo, está deseñado para garantir a calidade asistencial. O equipo de Afamo, con ampla experiencia no ámbito da atención sociosanitaria, é o encargado de coordinar e executar as actividades, asegurando que cada persoa usuaria reciba unha atención adaptada ás súas necesidades físicas, cognitivas e emocionais. O CESMAV non é só un espazo de coidado, senónm tamén de socialización, prevención e promoción da autonomía persoal.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, destaca que “o CESMAV é unha mostra de que se pode facer política social real, con impacto directo na vida das persoas, sen que iso supoña unha carga económica para as familias. Apostamos por un modelo público, próximo e profesional, que pon ás persoas maiores no centro”.

O servizo tamén contempla a posibilidade de transporte adaptado, con tarifas de 4,40 euros por unha viaxe ou 8,80 euros para dúas viaxes ao día, facilitando o acceso ao centro para aquelas persoas con mobilidade reducida ou que residen en zonas máis afastadas.

A resposta da veciñanza está a ser moi positiva, e cada vez son máis as persoas que se achegan ao CESMAV para participar nas actividades ou solicitar información sobre os servizos dispoñibles. O centro está aberto de luns a venres, en horario de mañá (10:00 a 13:00 h) e de tarde (16:00 a 19:00 h), e ofrece atención directa no propio edificio, así como a través dos teléfonos 607 966 260 e 986 313 761 ou do correo electrónico ssociais@vilaboa.org .

Vilaboa demostra así que é posible construír alternativas públicas de calidade, cun enfoque comunitario e sostible, que respondan ás necesidades reais da poboación maior e que contribúan a mellorar a súa calidade de vida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *