Unha imaxe co Camiño Real na actualidade.

Os técnicos Martín Barreiro e María Masaguer, do estudio moañés Rurban, son os autores do traballo finalista e única representación galega no certame

O concello de Moaña recibe unha boa nova relacionada co urbanismo e a mobilidade da man da XII Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo e de Estudio Rurban, o Laboratorio de Innovación Urbana radicado no municipio. A súa estratexia “Rúas Azuis Rururbanas” e o primeiro exemplo construído baixo as súas premisas, o Camiño Real de Tirán, veñen de ser recoñecidos como finalistas nunha das cinco categorías deste certame internacional.

A convocatoria, impulsada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, recibiu máis de 800 candidaturas de 22 países. Tras unha primeira selección de 180 proxectos, son 84 os finalistas da Bienal, que se celebrará o vindeiro mes de setembro en México baixo o lema “Habitar al margen” e a consigna de buscar “hábitats alternativos para un futuro urbano máis optimista, saudable e xusto”. 

Os autores da proposta finalista, os técnicos Martín Barreiro e María Masaguer, sinalan que “o Camiño Real é a parte máis visible, pero o traballo desenvolvido é un modelo de intervención, unha forma de comprender e imaxinar a estrutura dos concellos e o hábitat humano”. 

Así, as Rúas Azuis son unha proposta para dotar a contorna das vilas dunha rede de rúas de prioridade peonil compatibles coa bicicleta. Esta idea orixinal de Barreiro e Masaguer “resulta fundamental para mellorar a habitabilidade no conxunto da provincia”.

Este proxecto formou parte dos seminarios da Facultade Ágora, o foro de formación técnica sobre espazo público e mobilidade, promovido pola Deputación de Pontevedra.

Antes e despois do Camiño Real.

Claves da candidatura presentada ao certame

Un dos elementos clave da candidatura das Rúas Azuis é que o proxecto vai máis alá da intervención física que supón a obra. Así, a distribución de estacionamento, as restriccións ao tráfico de automóviles, a localización do mobiliario ou a instalación de radares pedagóxicos están pensados para que as persoas se sintan protagonistas e os vehículos sexan os menos posibles e circulen de xeito calmado (todo un reto nas contornas das vilas das Rías Baixas).

Os autores salientan que o diálogo e o traballo compartido entre técnicos, políticos e veciñas ten sido igual de importante que o propio deseño arquitectónico: “O formigón e o aceiro son fundamentais no novo Camiño Real, claro, pero moitas solucións técnicas que agora son moi valoradas polas usuarias quizais non as teriamos proxectado se non existise unha complicidade coa propia veciñanza”.

Do mesmo xeito, foi necesaria a colaboración interadministrativa entre os concellos de Cangas e Moaña para que a primeira Rúa Azul puidese funcionar como vía de comunicación. Así mesmo, a aposta da Deputación de Pontevedra polo espazo público e a mobilidade activa están presentes nesta intervención, antes impensable e vista como inviable durante moito tempo. A entidade provincial financiou as obras cun orzamento de 500.000 € a través das liñas de financiamento DEPOREMSE e Plan Concellos.

Durante os anos de xestións e debate previos á realización do Camiño Real, a implicación da asociación de veciños -especialmente a de Paco Ferreira- foi fundamental. A entidade veciñal prestou o seu apoio e axudou a canalizar moitas das cuestións que expoñía a veciñanza de Tirán. Dende Rurban cren que “o xurado tamén valorou isto á hora de outorgar o recoñecemento”. 

Pola súa parte, dende o Concello non dubidan en calificar este proxecto como punteiro para pór en marcha un novo modelo de mobilidade amable e replicable noutros lugares, co orgullo que supón que a primeira intervención deste tipo estea en Moaña. 

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí