Un novo episodio de augas fecais confirma o colapso do saneamento tras unha década sen xestión, planificación, nin investimentos
O Partido Popular de Cangas denuncia a nova vertedura de augas residuais xunto ao porto, desta
fin de semana, que volve poñer de manifesto a situación límite na que se atopa o saneamento municipal tras anos de abandono e falta de control por parte do goberno local do BNG e os seus socios.
Este episodio non é un feito illado, senón “unha consecuencia directa dunha xestión fallida que acumula máis de 200 incidencias na rede de saneamento na última década, con fugas, rebordamentos e vertidos recorrentes” reflexionan.
“Unha realidade que está a ter un impacto directo sobre o medio mariño e sobre sectores estratéxicos para Cangas como a pesca, ademais de supoñer un risco evidente para a saúde pública” engaden.
Desde o grupo maioritario da Corporación sinalan que esta situación responde “á falta absoluta de planificación, mantemento e investimento nun servizo básico que é competencia municipal”. Nesta liña, recordan que “o BNG gastou no que levamos de mandato ao redor de 60 millóns de euros con nula incidencia no que respecta a este servizo”. Así, afean a actitude permisiva do goberno local coa empresa concesionaria, á que non se lle esixe o cumprimento efectivo das súas obrigas contractuais malia os reiterados incumprimentos.
Os populares lembran que desde o goberno local se anunciou en varias ocasións que se abrirían expedientes á concesionaria polos vertidos, pero a día de hoxe seguimos sen saber se eses expedientes existen realmente, en que punto se atopan ou se quedaron, unha vez máis, en simples anuncios. Por iso,
o PP pregunta de forma directa se o Concello está cumprindo coas súas propias palabras ou se, pola contra, continúa mirando para outro lado mentres os vertidos se repiten.
O grupo municipal esixe que o goberno municipal abandone a pasividade e dea explicacións claras á veciñanza, facendo público o informe técnico ao que se fixo referencia tras este último vertido, xa que a día de hoxe non existe acceso nin constancia oficial da súa contía. Reclaman tamén que se adopten medidas urxentes para reparar os danos e evitar que este tipo de episodios se repitan, e que se impulse dunha vez a renovación e modernización da rede de saneamento, unha infraestrutura clave que leva anos deteriorándose sen resposta política.
A formación recorda que xa levaron esta cuestión en repetidas ocasións ao Pleno da Corporación, “con mocións e mesmo forzando unha sesión extraordinaria que deron como resultado acordos que os actuais responsables municipais meteron nun caixón” explican. Unha actuación que pon de manifesto “a neglixencia manifesta do BNG e os seus socios neste asunto” reiteran.
“Os vertidos non son accidentes nin feitos puntuais: son o resultado dunha década de mala xestión e de mirar para outro lado. Cangas non pode seguir pagando as consecuencias da inacción dun goberno que non asume as súas responsabilidades”, sinalan desde o Partido Popular de Cangas, que reclaman transparencia, acción inmediata e responsabilidades políticas ante unha situación que consideran insostible.

