La alcaldesa, Araceli Gestido, en un pleno de Cangas.

Os populares revelan que o Concello nin sequera se molestou en solicitar o Fondo de Compensación Ambiental, as axudas para sistemas de depuración, nin as achegas para mellorar os servizos básicos nas parroquias e os arquivos municipais

O Partido Popular de Cangas cualificou hoxe de «auténtica vergoña e falta de respecto aos veciños» o novo episodio de parálise e desidia protagonizado polo Goberno local do BNG e os seus socios. Os populares detectaron que o Concello de Cangas volveu quedar fóra de ata cinco liñas de axudas fundamentais da Xunta de Galicia por non ter feito os deberes á hora de solicitalas.

En concreto, o goberno local deixou pasar a oportunidade de financiarse a través da Orde do Fondo de Compensación Ambiental 2026, unha inxección económica vital para mellorar as contornas naturais e os servizos municipais. Tampouco concorreron á liña de subvencións para a instalación de sistemas de depuración autónomos, algo que desde as filas populares consideran «un insulto, especialmente cando temos o municipio con graves deficiencias na rede e episodios de insalubridade con augas fecais como o vivido na rúa Noria».

A esta sangría súmase o abandono do noso potencial como destino, ao non optar tampouco ás axudas autonómicas para a obtención ou renovación da marca Q de Calidade Turística e a marca S de Sustentabilidade.

Abandono do rural

Por se isto fose pouco, a inoperancia do executivo local esténdese tamén ás nosas parroquias e ao noso patrimonio histórico. O PP de Cangas denuncia que o goberno do BNG deixou perder as axudas do fondo europeo Feader para proxectos de creación e mellora de servizos básicos nas zonas rurais, un golpe durísimo para o desenvolvemento do noso rural. Ademais, tampouco foron capaces de solicitar a liña de financiamento destinada á conservación e actuacións en materia de arquivos municipais. «Cangas necesita imperiosamente mellorar os seus servizos básicos tanto no centro como nas parroquias, pero mentres outros concellos da nosa contorna modernízanse e logran captar estes fondos para medrar, o noso goberno condénanos á mediocridade por pura vagancia», denuncian desde o PP.

Millóns de euros perdidos

Para o grupo maioritario da Corporación, isto non é un erro illado, senón o modus operandi dun executivo que xa demostrou ser «un lastre moi caro» para a veciñanza. «Chove sobre mollado. Acabamos de ver como perdían as axudas do Estado para arranxar os danos dos temporais, como desistían dun millón de euros para mellorar o saneamento e como quedan sistematicamente fóra dos fondos europeos. Este goberno non traballa, non xestiona e dedícase unicamente a bloquear calquera avance para o noso pobo», advirten.

Os populares fan especial fincapé na «hipocrisía intolerable» do BNG e dos seus socios de goberno. «O seu cinismo xa non ten límites. De cara á galería son os primeiros en facerse as vítimas e montar manifestacións acusando á Xunta de non investir en Cangas. Pero a realidade, a que ditan os boletíns oficiais, é que cando o diñeiro se pon sobre a mesa, eles renuncian ás axudas por desidia e incapacidade de xestión», subliñan.

Desde o PP esixen á alcaldesa que dea explicacións públicas de por que non se tramitaron ningunha destas cinco liñas de axudas e lémbranlle que «cada día que pasan nos despachos sen traballar significa peores servizos, infraestruturas máis deterioradas e oportunidades perdidas para todos os veciños e veciñas de Cangas».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *