O cabeza de lista destaca que o Bloque priorizará a redacción do proxecto definitivo para a parcela de 2.200 metros de O Viso
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, visitou Cangas para comprometer que o Bloque impulsará o novo centro de saúde para o Hío-Aldán de maneira inminente tras a súa chegada ao goberno da Xunta o 12X. Bará destacou que non é de recibo que o proxecto estea “no caixón” dende hai unha década, subliñando que a veciñanza de Cangas merece unha atención sanitaria de calidade.
Bará realizou estas declaracións nun encontro con representantes das asociacións das sete aldeas do Hío acompañado da tamén candidata Iria Villar e da voceira do grupo municipal Mercedes Giráldez. Lembrou que o Concello de Cangas cedeu no seu momento os terreos de 2.200 metros cadrados ao Sergas pero, pese ás promesas, non se deron pasos adiante que concretasen a posta en marcha do novo centro de Atención Primaria. Neste sentido, destacou Bará, o BNG habilitará tras o 12X un Plan de infraestruturas sanitarias, dará orde de redacción do proxecto definitivo, e habilitará as partidas necesarias.
Ademais de falar en concreto da situación da atención de medicina familiar en Cangas, Bará tamén presentou as propostas do plan de mellora de Atención Primaria do BNG no Goberno da Xunta para toda Galiza. Indicou que prevé un incremento en 200 millóns de euros do orzamento xeral do Sergas para, fundamentalmente, mellorar a dotación de persoal tanto de Enfermería, como Medicina de Familia como de Pediatría “e así contrarrestar as políticas de recortes e privatizacións levadas a cabo polo Partido Popular ao longo de 11 anos e que puxeron contra as cordas literalmente a Atención Primaria”.
O cabeza de cartel destacou que Cangas é un exemplo da mala situación da Atención Primaria galega polo deterioro constante das consultas e dos centros de saúde, pola masificación e polos retrasos que se producen na atención dos veciños e veciñas. “A veciñanza precisa un novo equipamento que complete o actual, claramente insuficiente, masificado, e con deficiencias”, insistiu.
Fronte a esta situación, subliñou Bará, o BNG aposta pola construción dun novo centro de saúde, un proxecto que –lembrou- foi paralizado polo Partido Popular: “Un retraso resultado consecuencia do partidismo e sectarismo do PP”, enfatizou. Destacou que os terreos entregados polo concello cumplen de maneira estrita as necesidades esixidas polo Sergas para a viabilidade do edificio e os servizos de aparcamento. Así mesmo, lembrou que o solar dispoñible está ubicado nunha situación estratéxica que permite a conectividade mediante autobús da veciñanza para a que será centro de referencia.