O concelleiro cos veciños de Pastoriza.

O concelleiro de Rural convocou á veciñanza para explicarlles en que consistirá este proxecto, que supón unha primeira fase dunha actuación maior para abordar o traxecto completo do vial

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, reuniuse esta semana coa veciñanza de Pastoriza de cara ao inminente comezo das obras que se executarán no vial que conecta este núcleo de poboación coa PO-313.

A reunión, que se desenvolveu na Lagoa de Pastoriza, serviu para explicar á veciñanza en que consistirá esta primeira fase da obra, que irá desde a Lagoa ata a metade do traxecto da estrada. Tal e como explicou o concelleiro, “crearase un muro de contención para protexer o vial dun pozo de regadío e gañar seguridade viaria. Ademais, mellorarase a drenaxe, xa que é unha zona na que se concentra moita humidade, realizaranse cunetas e anchearase ao máximo a estrada para poder permitir o paso sen problemas dun coche e un autobús, que até agora coincidían nun trazado moi estreito”.

Novas adiantou que as obras arrancarán estes días e que terán un prazo de execución de 2 meses e unha inversión de máis de 50.6000 euros, a través dunha subvención do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

“A veciñanza mostrouse moi conforme con este proxecto, xa que esta estrada é o único acceso que teñen ao núcleo e se atopaba moi degradado”. Ademais, o edil aproveitou para escoitar outras demandas da veciñanza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *