A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer do Morrazo (Afamo) e a Fundación Legar invocan o recordo a través da cultura mariñeira de Moaña mediante o proxecto «A cultura musical do noso mar», financiado polo Grupo de acción local do sector pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda (GALP). A praia da Xunqueira acolleu onte esta actividade con usuarios do centro de Moaña, de Afaga e da asociación Xoán XXIII, na que participaron as mariscadoras da localidade.
A iniciativa, explican desde Afamo, xera unha interacción social de gran forza entre as persoas non soamente musical senón tamén simbólica xa que é vehículo de identidade e cohesión social, un patrimonio cultural inmaterial que tamén debe ser protexido e promovido xa que conforma a nosa identidade como pobo.