Augas de Galicia realiza unha vixilancia continua dos recuros hídricos mentres sensibliza a poboación sobre a necesidade de facer un uso responsable e sostible
A auga é un recurso fundamental para Galicia. Xestionalo adecuadamente é vital para consolidar á Comunidade como un refuxio climático, como un territorio no que o verde e o azul destacan na súa paleta de cores. Trátase dun obxectivo transversal da Xunta de Galicia, especialmente relevante nun momento no que os cambios derivados do cambio climático implican grandes retos que deben transformarse en oportunidades, demostrando capacidade de adaptación e buscando fórmulas coas que mitigar ou minimizar esas transformacións.
Galicia non pode entenderse sen a auga dos seus ríos, rías e mananciais -entre outros recursos hidráulicos-, que teñen unha gran influencia na conformación das súas paisaxes. Esta riqueza única leva aparalleda a obriga de preservala e potenciala mediante a creación de infraestruturas e hábitos que contribúan a optimizar o seu aproveitamento en todos os eidos.
A auga é vida, cultura, economía, paisaxe, parte da idiosincrasia da Comunidade, factor incluso que moldea o carácter de galegas e galegos, o que fai que se converta nun elemento indisociable da identidade de Galicia.
Por iso, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, busca implicar ao conxunto da sociedade na xestión responsable dos recursos hidráulicos, para lograr que a auga siga sendo protagonista da xeografía, do clima, das tradicións e, en definitiva, do día a día.
As competencias de Augas de Galicia abranguen a Demarcación Hidrográfica Galicia- Costa. Ésta esténdese ao longo de 12.990 Km2, con 14.700 Km de rede fluvial. Soporta unhas precipitacións de 1.472 mm/ano -un valor moi elevado en relación co resto da Península-. Falamos de 2.070.645 habitantes que residen en 182 concellos, máis da metade da poboación e dos municipios da Comunidade.
Seguimento dos recursos hídricos

Augas de Galicia publica periodicamente un boletín hidrolóxico que recolle a evolución dos recursos hídricos en cada ano hidrolóxico en curso. Cómpre subliñar que os indicadores que manexan os técnicos da administración hidráulica son dinámicos e están suxeitos a evolucións rapidamente cambiantes, especialmente en períodos como o verán, tanto polas condicións climatolóxicas, máis secas que no resto de estacións do ano; como polo significativo aumento da poboación nos núcleos máis turísticos, que multiplican varias veces a carga de habitantes habitual.
Por este motivo, Augas de Galicia mantén activa unha avalación periódica e adapta as medidas de xestión se a situación o require. Concretamente, Augas de Galicia realiza un seguimento continuo da situación hidrolóxica da demarcación hidrográfica Galicia-Costa a través do Plan de Seca, aprobado en 2022, que permite analizar de forma diferenciada as distintas situacións, mediante unha serie de indicadores técnicos aplicados a unidades territoriais específicas.
Actualización do que existía desde 2013, o Plan de Seca 2021-2027, que permite ordenar a resposta ante episodios de seca e escaseza, proporcionándolles ás distintas administracións instrumentos xurídicos para facerlles fronte, supuxo unha profunda actualización para mellorar a súa eficacia e afrontar as consecuencias derivadas do cambio climático e a modificación dos réximes cambiantes de precipitación. Ten como obxectivos principais asegurar a dispoñibilidade de auga aos cidadáns e minorar os efectos destes eventos sobre o estado das masas de auga, así como sobre as actividades económicas. Súmase a outros instrumentos fundamentais como o Plan Hidrolóxico e o Plan de Xestión do Risco de Inundación.
O Plan propón unha xestión diferenciada das situacións de seca prolongada e de escaseza conxuntural. Así, a seca prolongada está relacionada exclusivamente coa diminución das precipitacións e das achegas en réxime natural, mentres que a escaseza conxuntural está relacionada coa problemática para atender a demanda de auga. Para mellorar a xestión destas situacións, empréganse indicadores de estado, que permiten identificar os diferentes escenarios e a tomar as decisións necesarias en cada momento.
Aínda que a elaboración e seguimento do protocolo que define o Plan é responsabilidade de Augas de Galicia, a súa posta en práctica require a intervención e coordinación de MeteoGalicia, Protección Civil, os responsables da explotación dos encoros de Galicia-Costa e as administracións responsables dos sistemas de abastecemento.
É fundamental, polo tanto, que o proceso de planificación fronte ás secas se complemente e se coordine cos plans de carácter municipal, dado que os concellos son a principal administración que xestiona os sistemas de abastecemento. Grazas ás axudas da Xunta, hai máis un centenar de concellos que dispoñen xa dun destes plans. No caso dos núcleos de máis de 20.000 habitantes, é obrigatorio contar cun plan de emerxencia fronte á seca.
Estes plans municipais establecen os indicadores axeitados para cada concello, identificando cando se da unha situación de risco e hai que activar as medidas previstas. Nestes documentos tamén deben recollerse as accións concretas a adoptar en cada situación e en cada concello, adecuadas ás particularidades dos sistemas de abastecemento, como captacións ou fontes alternativas de abastecemento, redución de baldeos de rúas ou de rego de xardíns.
Aforrando auga, pinga a pinga
En paralelo, Augas de Galicia traballa para sensibilizar ás galegos e aos galegos -desde os máis cativos aos máis maiores- sobre a importancia de levar a cabo un uso responsable da auga, facendo fincapé en que, a pesar de que Galicia presenta un punto de partida mellor que a media española, trátase dun ben finito, cuxa disponibilidade non se pode dar por feita.
A administración hidráulica traslada diversos consellos que, pinga a pinga, poden marcar a diferencia. No eido doméstico, accións como reparar fugas de auga en sanitarios, billas e outros aparellos; instalar dispositivos de aforro de auga; aproveitar a auga da choiva para regar plantas ou limpar; e desenvolver prácticas sostibles – ducharse en lugar de bañarse, pechar a billa no cepillado de dentes, lavar a roupa con carga completa e programas de baixo consumo, etc-.
No xardín e na agricultura, coidar da auga pasa por regar as plantas nas horas de menos calor para evitar a evaporación; utilizar sistemas de rega eficientes (goteo, aspersión subterránea); aproveitar a auga da choiva para o rego; e elexir plantas que requiran menos auga.
O ámbito industrial tamén é fundamental. A súa contribución ao aforro pódese acadar implementando medidas de eficiencia hídrica nos procesos produtivos; reutilizando a auga cando sexa posible; controlando e reducindo as perdas de auga por fugas ou evaporación; e formando aos traballadores sobre a importancia do uso responsable da auga.
A maiores, Augas de Galicia propón consellos para a poboación en xeral como ser conscientes do valor da auga e do seu uso responsable; informarse sobre as campañas de concienciación e as boas prácticas; denunciar as prácticas de uso abusivo da auga; e participar en iniciativas de conservación do medio ambiente acuático.