De esquerda a dereita: María Hernández, Coral Ríos, Matías Daporta, Leticia Santos e Xosé Daniel Costas.

Non pararon nin durante a pandemia e agora, sen restrición algunha, os Circuítos Teatrais Celso Parada, que cumpren o seu XXXVI edición, collen aínda máis forza incluíndo como gran novidade un taller infantil de iniciación ao teatro. Será impartido pola compañía Moito Morro Teatro todos os sábados do mes de outubro na sala Celso Parada de Quintela. Os interesados deberán inscribirse no correo moitomorro@gmail.com a partir do próximo luns. A asistencia será gratuíta.

Cinco obras do «mellorciño» do teatro galego

En canto ao cartel desta edición, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, defínea como «o mellorciño do teatro galego». A primeira obra arrincará o domingo día 1 de outubro ás 19:30 horas da man de Malasombra Producións coa súa función «De algo hai que morrer». Unha produción na que se trata de forma cómica a relación coa morte.

Unha semana despois, o sábado 7 ás 21:00 horas chegará «A nai», de Amorodio Teatro. Unha obra que será gratuíta para o público grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra. Aínda así, quen desexe asistir deben de realizar a reserva de entradas a través da web do Concello de Moaña, aínda que a custo cero. O prezo da butaca para o resto da produción será de 4€, como ata o de agora, e non poderán adquirirse máis de 4 por comprador ou compradora. Trátase dunha cantidade simbólica para permitir o acceso á cultura de calquera familia de Moaña, obxectivo principal destes Circuítos desde a súa creación.

O sábado 14 ás 21:00 horas chegarán Artesacía con «Illas desertas»; o domingo 22 ás 19:30 horas «Alma de Tigre» de Elefante Elegante e, como colofón, o sábado 28 ás 21:00 horas «Washington», dirixida por Matías Daporta, presente hoxe na rolda de prensa de presentación. Precisamente, Daporta explicou que a súa proposta, baseada nun suposta terceira produción do filme «Washington», vai máis aló do guion e conta cun aliciente de improvisación xa que inclúe un casting para elixir á actriz local que podería ser a protagonista da película. Sen perder de vista a rigorosidade, nesta ocasión danlles a oportunidade ás actrices moañesas Nerea Portela, Antía Costas e Iria Pinheiro.

Tanto o concelleiro de Cultura, Xosé Daniel Costas, como a edil de Turismo e Promoción Económica, Coral Ríos, agradeceron a colaboración do IES As Barxas por ceder o auditorio para acoller as diferentes obras teatrais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *