Será hoxe venres 18 ás 20 horas na sala Celso Parada con entrada de balde e sen reserva previa
Moaña vai acoller hoxe venres a obra de teatro ‘As alumnas’ da compañía Culturactiva sobre a historia da pedagoga María Barbeito. Trátase dunha representación incluída no ciclo de teatro ‘Barracas’ posto en marcha polo departamento de Memoria Histórica da Deputación que tamén levará á escena obras relacionadas co golpe de Estado do 36, a ditadura e a represión franquista a outras localidades como Vilagarcía, Silleda, Gondomar, Tomiño ou O Grove.
A peza representarase este venres ás oito da tarde na Sala Celso Parada Quintela do Centro Social Cultural Daniel Castelao con entrada de balde e sen reserva previa, ata completar capacidade.
A deputada de Memoria Histórica María Ortega explica que coa programación deste ciclo de teatro sobre memoria a Deputación pretende dous obxectivos: garantir que as compañías teatrais do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria e espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.
‘As alumnas’ pon o foco na “imprescindible” figura de María Barbeito, unha muller revolucionaria a nivel pedagóxico e no desenvolvemento cultural de Galicia. O texto da peza foi feito por Paula Carballeira quen, alén de facer un traballo documental, recolleu o romper do silencio de dúas alumnas da propia mestra ao xuntarse no momento do seu enterro. A dirección é de Fina Calleja e as alumnas son encarnadas por Anabel Galo e Mónica Caamaño. A escenografía é de Carlos Domínguez, a luz é de Del Ruíz Giménez, o espazo sonoro de Ramón Raíndo e o vestiario de La Canalla.
A obra, dirixida a un público adulto e posta en escena pola compañía Culturactiva, pon de relevo como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. As dúas personaxes femininas representan Civil, que levan ás transformacións sociais do momento. ‘As Alumnas’ busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual, que se opoña ao relato hexemónico, para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios do país, creándose así un acto ético-estético que se complementa coa participación de persoas espectadoras activas.