O voceiro do Grupo Municipal Socialista de Moaña, Mario Rodríguez, cualificou de “hipocrisía política intolerable” o voto en contra do goberno local, encabezado por Leticia Santos (Bloque Nacionalista Galego), a unha moción socialista en defensa da paz, do dereito internacional e da veciñanza.
“Non hai escusas nin matices: votaron en contra de dicir NON á guerra e de defender ás vítimas civís”, afirmou. “Moita pancarta e moito discurso, pero cando toca retratarse, o goberno de Leticia Santos colócase no lado contrario da paz”.
Rodríguez subliñou que a iniciativa tamén buscaba protexer ás familias de Moaña ante o impacto económico dos conflitos internacionais: “nun momento no que a xente paga máis por todo, o BNG decidiu votar tamén en contra de defender os seus intereses”.
O portavoz socialista foi máis alá e cuestionou as motivacións do executivo local: “foi cálculo político, sectarismo ou simplemente incoherencia? O que está claro é que renunciaron a principios básicos”.
Sobre a abstención do Partido Popular, indicou que foi “insuficiente”, pero insistiu en que “a maior responsabilidade é de quen goberna e votou en contra”.
Rodríguez concluíu cunha advertencia: “non se pode presumir de defender a paz e votar xusto o contrario. Alguén terá que dar explicacións á veciñanza de Moaña”.

