Chegada dos colectores a Marín.

A empresa Arroupa, gañadora do lote da adxudicación do servizo de recollida de residuos correspondente ao téxtil, colocará 30 novos elementos para este fin

O Concello de Marín vén de recibir os novos colectores destinados á recollida selectiva de roupa, unha iniciativa que supón un novo paso na mellora da xestión dos residuos e no fomento da economía circular no municipio, tras a adxudicación do lote 1 do novo contrato de RSU.

A empresa Arroupa, adxudicataria deste lote correspondente ao residuo téxtil, será a encargada de instalar un total de 30 novos colectores repartidos por distintos puntos do termo municipal. Estes elementos permitirán á veciñanza depositar roupa e téxtiles usados para a súa reutilización ou reciclaxe, evitando así que rematen no colector de resto.

De maneira concreta, estas serán as localizacións:
● Marqués de Valterra
● Concepción Arenal 93, 142 e 172
● Sagrada Familia, 1
● Avda. da Cañota, 4
● Camiño dos Sapos
● Avda. de Exército e Marina
● Jaime Janer 22, 93
● Ezequiel Massoni 4, 24 e 58
● Rúa Recamán, 26
● A Pena (San Xulián)
● Barriada de Mogor
● Carretera do Campo, 34 (Seixo)
● Ángel Araujo Escribano (Seixo)
● Moledo, 105 (Ardán)
● CEIP de Ardán
● O Igrexario (Santomé de Piñeiro)
● Francisco Landí Pazos, 2 (Centro de Saúde)
● República Arxentina, 14
● Avenida de Ourense, 23
● Avenida de Avelino Montero Ríos
● Gago de Mendoza, 147 (Aguete)
● Chan do Monte, 23
● CEIP do Carballal
● Tiro Naval Janer, 31
● PO-551, 62
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, destacou a importancia desta actuación: “A recollida selectiva do téxtil é unha obriga marcada pola normativa europea, pero tamén unha oportunidade para avanzar cara a un Marín máis sostible e comprometido co medio ambiente”.

Desde o Concello lembran que nos colectores poderase depositar roupa, calzado e outros téxtiles usados, sempre en bolsas pechadas, e fan un chamamento á colaboración cidadá para garantir o bo funcionamento do servizo.

“A implicación da veciñanza é clave. Separar correctamente os residuos é un pequeno xesto que ten un grande impacto”, concluíu a concelleira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *