O Concello convoca este evento sectorial para construtoras, promotoras, inmobiliarias, administradores de fincas e outras empresas do sector co obxectivo de analizar a situación actual da vila e vislumbrar as oportunidades de crecemento, alineándose cos obxectivos que se perseguen na Axenda Urbana
A vivenda é un dos eixos que máis vertebran o crecemento e o progreso dunha vila. Por iso, a Axenda Urbana de Marín recolle a súa promoción como unha parte indispensable para o Marín do futuro. Nesta liña, o concelleiro de Urbanismo e tenente alcalde, Manuel Santos, presentou a mesa de traballo “Marín Urbano, para vivir”, unha iniciativa do Concello de carácter técnico e sectorial para avaliar as oportunidades de crecemento dun territorio tan punteiro como é a nosa vila. A mesa celebrarase o 24 de marzo de 09.00 a 10.30 horas no Museo Manuel Torres
e contará coas intervencións do director xeral do IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo), Heriberto García; a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o presidente da delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva; a arquitecta municipal, Rosa García; a responsable da oficina ARI do Concello, Ibana Conte, e o xefe de servizo de Urbanismo, Alberto Pensado, que moderará a mesa.
“Queremos que Marín sexa un territorio atractivo a nivel habitacional, que poidamos xerar novas oportunidades para a promoción inmobiliaria e que o sector as coñeza. Temos uns retos marcados pola Axenda Urbana que estamos a piques de aprobar e queremos seguir nesta liña dun urbanismo sostible, que sexa atractivo para a nosa veciñanza”, explicou o concelleiro.
O programa da mesa está estruturado en cinco bloques:
● Marín presente: no que se analizará a situación e o planeamento urbanístico, así como as expectativas de crecemento para facer o territorio máis integrado.
● Marín futuro: para avaliar as posibilidades de inversión privada, co
obxectivo de xerar un parque de vivenda atractiva para a poboación.
● Marín activa e estratéxica: valorando a política municipal como a ferramenta de transformación urbana e inmobiliaria, tendo á Axenda Urbana de Marín como folla de tura do urbanismo sostible, intelixente e pensado para as persoas.
● Marín histórico: no que falar da rehabilitación de vivenda para embelexer e rehabitar as zonas ARI e analizar o funcionamento das axudas públicas como incentivo da mellora urbana.
● Marín arquitectónico: destacando aquelas xoias do patrimonio urbano que son unha oportunidade para a xeración de negocio.
A Mesa está dirixida a construtoras, promotoras, inmobiliarias, estudos arquitectónicos, administradores de fincas e outras empresas do sector. No caso de que algunha estea interesada en asistir, pode facelo escribindo un correo a prensa@concellodemarin.es