A Conta Municipal ascenderá a 17.870.974 euros, rexistrando tres fortes incrementos de gasto: o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar, o contrato de xestión da Piscina Municipal e a previsión do novo que se sacará de Xestión de Residuos Urbanos. O documento será levado ao Pleno deste mes.
O Orzamento máis elevado da historia do Concello de Marín, marcado pola inflación e a suba dalgúns dos contrastos clave a nivel público no municipio. Ese é o borrador que o Goberno local presentou hoxe pola mañá nunha Comisión Extraordinaria de Facenda e no que se recolle a cifra que se manexará para o 2025 no municipio: 17.870.974 euros.
Supón un incremento do 9,36% con respecto ao Orzamento do 2024, cifrado en 16.342.099,05, e é un Orzamento “nada sinxelo na súa estrutura nin previsión”. Así o defende a alcaldesa, María Ramallo, na memoria que acompaña ao borrador, na que se explican pormenorizadamente as razóns que fan que “teñamos un Orzamento máis elevado ca nunca”.
O incremento de tres contratos claves na prestación de servizos públicos esenciais é o gran motivo tras a suba. O Servizo de Axuda no Fogar, o contrato de xestión da Piscina Municipal e a previsón de aumento do contrato de Xestión dos Residuos Sólidos Urbanos “aumentan as partidas destinadas a estos fins”.
O resto das partidas mantéñense, en maior ou menor medida, cun reparto porcentual similar ao recollido no documento orzamentario do 2024. “Pero o traballo de xestión cada vez é maior”, declarou a alcaldesa, “debido ás dificultades de financiación ás que nos enfrontamos as entidades locais, así como pola situación económica actual e o incremento dos custes”.
“A financiación das entidades locais segue sendo unha asignatura pendente, xa que non hai unha correlación real e asumible entre os ingresos e as esixencias de gasto para seguir prestando servizos de calidade. Por iso dicimos que cadrar e poder cubrir cos nosos fondos propios todo o noso gasto corrente é froito de moito traballo e moita xestión”, engade a alcaldesa.
En canto aos gastos, as partidas repártense da seguinte maneira en función do concepto:
Dadas as circunstancias anteriormente explicadas, de novo o Capítulo 6 do Orzamento, o relativo á inversións, non leva recollidas inversións directas con fondos municipais. Mais iso, tal e como lembrou Ramallo, “non significa que non se realizarán inversións de calado para o interese xeral da cidadanía, todo o contrario, xa que contamos con moitas financiacións externas polo traballo que levamos feito estes anos para conseguir cartos doutras Administracións a través de convenios e subvencións ou de captación de fondos europeos, como por
exemplo ocorre cos fondos do Plan de Sostibilidade Turística”.
Nesa liña, Ramallo destacou a finalización da construción do Auditorio (nas anualidades que se corresponden co 2025), á reactivación do proxecto de remodelación do Liceo Casino nun Centro de Ocio Xuvenil e o Arquivo Municipal, o remate das actuais humanizacións e a mellora de Rúa da Ponte, Pedreiras e a senda de Pardavila-Rúanova e toda a execución do PSTD son as principais inversións que se prevén no Orzamento.
Despois de ser trasladado ao resto de grupos da Corporación na Comisión Extraordinaria desta mañá, o borrador do documento elevarase a Pleno o día 12 de decembro para a súa aprobación inicial. Despois, exporase públicamente para finalmente poder aprobalo de xeito definitivo.