A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, reuníronse no Concello co secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández
A capacidade de xeración de emprego e riqueza nunha vila é un importante termómetro do progreso da mesma, así como un atractivo para reter poboación e posicionar o territorio na súa área de influencia. Por iso, o Concello trata de priorizar iniciativas que permitan mellorar tanto a competitividade da economía local e do tecido empresarial, así como favorecer un maior índice de empregabilidade no municipio.
Estas iniciativas foron trasladadas por parte da alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, ao secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, que visitou o Concello co obxectivo de tamén facer chegar os programas activos por parte da administración autonómica nesta materia.
A posta en marcha dun buscador de emprego municipal foi unha das ideas que se materializaron nos últimos meses dentro da Concellaría e que, en palabras da edil, “está tendo moi bo seguemento e temos reporte de varias empresas que lograron cubrir vacantes que ofertaban a través do noso portal”.
A alcaldesa reforzou a importancia de que desde as administracións “sexamos unha correa de transmisión de todo o que se move a nivel económico e de oferta laboral da nosa vila, tratando de poñer en contacto á cidadanía que representamos coas posibilidades do mundo da empresa que está radicada aquí”.
Por outro lado, o Concello tamén está inmerso na oferta de formacións relacionadas coa dixitalización, como a que se deu a través do Portal Marín en Rede ao comercio local, así como a que está agora en período de captación e que estará dirixida a directivos e persoal de responsabilidade en empresas de mínimo 10 empregados.
Outra das opcións máis interesantes en materia de promoción económica na vila ten que ver coa dinamización e o relanzamento do Espazo Emprendedor, que volve tomar vida coa oferta de máis espazos para o coworking de empresas e onde a aposta polo producto do mar a través das empresas do Porto de Marín segue sendo unha forma de posicionar á vila no punto de mira da canle HORECA
internacional.
O Concello coñeceu da man do secretario xeral programas como os Polos de Emprendemento e outras iniciativas que desde a Xunta poñen a disposición dos concellos para así poder seguir ofrecendo ferramentas á veciñanza que xeren negocio, emprego e riqueza para Marín.