Na semana das Festas, mellor a pé. Ese é o slogan que lanza o Concello de Marín cunha campaña de concienciación para a cidadanía de cara a potenciar a mobilidade peonil nunhas datas nas que se rexistra unha importantísima afluencia de visitantes e que, polo tanto, supón unha elevada demanda de estacionamento e de tráfico.
Por iso, desde o Concello crearon un pequeno plano no que se ve como dentro do casco urbano apenas son 10 ou 15 minutos os que se tarda para chegar aos puntos de referencia das festas: a Alameda, o Parque Eguren, a Praza de España… “Moitas veces, collemos o coche para facer traxectos que poderíamos facer perfectamente camiñando, aproveitando para dar un paseo e evitando ocupar unha praza de aparcadoiro, deixándoa libre para alguén que non teña alternativa e teña que moverse en vehículo privado si ou si”, explican desde o Concello.
Reforzo de aparcadoiro público gratuito
Precisamente para eses casos nos que sexa imprescindible coller o coche, ante a alta demanda de estacionamento que haberá na semana de Festas e co obxectivo de regular o mellor posible o espazo público, o Concello habilitou xa hai uns días o novo aparcadoiro público da Rúa Quevedo, que ten capacidade para 50 prazas e que se suma aos 12 aparcadoiros que xa existen no centro de Marín.
Todas as súas localizacións poden consultarse no plano dispoñible para a súa descarga en www.concellodemarin.es/proxectomares
Ademais, estará habilitada para aparcar durante a semana de festas a parcela privada que se ubica en el Camiño da Cortiña, fronte á Renault, con gran capacidade de estacionamento.
Pero é que ademais o Concello anuncia que se poderá aproveitar durante os días 15 e 16 de xullo a parcela portuaria que se habilita normalmente para aparcar durante as Festas de Cantodarea, co que se gañará todo ese espazo para estacionar na véspera e no propio día do Carme.