A Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes, a Deputación de Pontevedra ou os fondos Next Generation da Unión Europea son algunhas das fontes de financiación coas que traballa codo con codo o Concello para acadar inversións claves para a vila, imposibles de asumir só co Orzamento municipal
Marín está vivindo un momento de efervescencia na execución e consecución de proxectos que permiten transformar o espazo urbano, mellorar a seguridade e dotar de mellores servizos e infraestruturas á cidadanía. E todo elo con cero custo para as arcas públicas municipais, xa que son obras sen cofinanciación.
A alcaldesa, María Ramallo, fixo esta mañá un balance dos proxectos para os que o Goberno local traballou de cara a conseguir a súa financiación externa. “Somos un Goberno realista e sabemos que o noso Orzamento municipal, agora máis ca nunca, non permite facer grandes inversións. O gasto corrente, o de pagar os gastos diarios, si que o temos asumido e medido, pero as obras de calado que requiren de grandes cuantías non podemos facelas por nós mesmos”, explica a rexedora.
Por iso, a xestión municipal para acadar financiación externa, “que leva moito esforzo e tempo de traballo intenso, que non se ve pero se fai día a día”, dá os seus froitos e por iso a vila conta cunha serie de inxeccións económicas doutras administracións que están permitindo facer proxectos clave de mellora.
“En total, nestes momentos estamos a xestionar algo máis de 8,6 millóns de euros en proxectos como as humanizacións da Avenida de Ourense e de Concepción Arenal, o saneamento do río Lameira, a repavimentación do entorno do Carballal, a mellora do pavillón da Cañota, a remodelación do Lago Castiñeiras, a recuperación medio ambiental da antiga dársena portuaria…”, enumera a alcaldesa, facendo referencia a proxectos que están en execución ou ben acaban de ser licitados ou se atopan nese punto da tramitación administrativa.
Lonxe do conformismo, Ramallo adianta que “nestes meses de verán, centramos o noso traballo en preparar o que serán as próximas convocatorias a fondos europeos que se anuncian para o último semestre do ano.
Poder concorrer a estas convocatorias supón ter todo o traballo feito de antes e nós contamos con eses
documentos estratéxicos obrigados para estar á altura: o Plan de Mobilidade Urbana Sostible e a Axenda Urbana”.
“Agora”, especificou a rexedora, “temos que analizar que proxectos e accións das alí recollidas encaixan coas cousas que Europa está disposta a financiar, pero seguiremos pelexando e traballando por acadar inversións de futuro para Marín sen necesitar nin un só euro de cofinanciación municipal, para non afectar nin comprometer as nosas propias arcas públicas”.