A concelleira cos representantes da asociación Trompos Ós Pés.

O 25 de xullo contará co acto institucional e a romaría da asociación cultural marinense, que inclúe actuacións musicais foliada libre, xogos tradicionais, artesanía… Ás 19.30 horas, será o monólogo da humorista galega na Alameda.

O Concello de Marín presentou xunto con Trompos Ós Pés a programación coa que se conmemorará o 25 de xullo, Día de Galicia. Ademais do acto institucional que terá lugar ás 12.00 horas na Alameda Rosalía de Castro, e onde a propia escola e o grupo de Trompos participará coa súa actuación musical, a asociación cultural organiza de novo a súa romaría popular, que xa vai pola súa viséximo sexta
edición.

A partir das 10.30 horas, abrirán os postos de artesanía ubicados na Alameda e pola tarde, desde as 18.30 horas, haberá xogos tradicionais. Ás 20.00 horas, actuará a Asociación Cultural Os Penediños, de Atios (O Porriño) e media hora máis tarde farase o sorteo dos agasallos doados polos artesáns.

Ás 21.00 horas arrancará a tradicional foliada libre, que comezará cos máis pequenos da escola para despois ir uníndose cos cantos e músicas tradicionais.

Desde Trompos, agradecen a todas aquelas persoas que vaian participar no escenario que avisen antes a través do mail tromposospes@gmail.com ou do teléfono 691089030.

Leti da Taberna, ás 19.30 horas

Por outro lado, a retranca e o mellor do humor galego terán cabida na celebración do Día de Galicia coa actuación de Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, que como ela mesma di, aínda que a súa formación sexa sociosanitaria, ela é taberneira de nacemento.

En maio de 2020, comezou subir contidos a TikTok e a día de hoxe acumula deceas de miles de seguidores e seguidoras neste rede social e en Instagram. Utilizando a ironía e a retranca galega, desde unha perspectiva feminista, Leti fará rir a todo Marín co seu monólogo “Enrededada”, que poderá verse na Alameda ás 19.30 horas. Esta actuación, subvencionada pola Xunta de Galicia, forma parte do programa de dinamización lingüística Falaredes.

Música nos Sentidos, actuación para o sábado

A maiores, o sábado, Trompos Ós Pés organizará tamén unha actuación musical na Finca de Briz: o concerto “Música Nos Sentidos”. Será a partir das 21.00 horas e participarán, ademais da asociación marinense, o grupo folclórico de Contradanza de Logroño e a Banda de Música de Marín.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *