O Goberno local ten encargada a redacción deste proxecto para mellorar o Concello e permite á cidadanía facer aportacións e suxestións a través da sede electrónica
A transparencia e a participación cidadá son dúas cuestións fundamentais para a xestión municipal. Por iso, o Goberno local quere abrir un proceso de participación, no que a veciñanza poida aportar as súas suxestións en tres actuacións que son fundamentais para o municipio e que afectan a infraestruturas utilizadas por todos os marinenses: a Casa Consistorial e os pavillóns deportivos do Sequelo e A Cañota.
A alcaldesa, María Ramallo, explicou esta mañá que está encargado un proxecto, que se atopa en fase de redacción, para reformar a Casa do Concello baixo tres premisas fundamentais: mellorar a súa accesibilidade, acadar unha maior eficiencia enerxética e renovar as instalacións eléctricas e de dixitalización. “Decidimos iniciar este proceso participativo para que a cidadanía no seu conxunto e as organizacións e asociacións que así o consideren poidan expresar as súas opinións e realizar as súas propostas para que poidan ser estudadas”, informou a rexedora.
Para realizar unha suxestión, basta con entrar no Portal de Transparencia da sede electrónica (https://sede.concellodemarin.es/) , seleccionar “Procesos participativos” e despois o epígrafe 91 de “Proxectos e obras”.
Por outra banda, nese espazo dixital están colgados tamén os proxectos de mellora da eficiencia enerxética dos pavillóns do Sequelo e da Cañota, cos que o Concello quere mellorar as cubertas e os illamentos destas infraestruturas deportivas, tan utilizadas pola veciñanza e que son o espazo no que se desenvolve o noso deporte base.
Con este novo apartado de Transparencia, que permite a realización de procesos participativos previos á aprobación de proxectos, Marín consegue ser un exemplo de gobernanza e de apertura á cidadanía, xa que non se trata dun trámite obligatorio en Galicia, mais si se considera moi relevante para poder achegar os proxectos futuros a todos os marinenses, dándolles a oportunidade de participar no progreso do municipio.