Instalouse unha carpa informativa esta mañá para lanzar unha campaña de concienciación, con consellos sobre como reciclar de forma correcta e cun decálogo sobre horarios, teléfonos e outros consellos que permitan conseguir un Marín máis limpo
Dálle unha volta! Ese é o lema da nova campaña de concienciación medioambiental do Concello de Marín, que foi presentada esta mañá nunha carpa informativa colocada na entrada do Mercadillo, na que se repartiron bolsas de rafia e trípticos con toda a información sobre o obxectivo desta iniciativa: conseguir un Marín máis limpo e sacar sobresaínte na reciclaxe de residuos.
Tal e como explicou a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, “en Marín, aproximadamente recíclase o 20% de todo o lixo que se xera. É unha boa porcentaxe, pero temos que mellorala”. Sanmartín asegura que aínda hai moita xente que non fai unha recollida separativa e ademais “aínda que a porcentaxe de impropios tamén a fumos mellorando con tempo, temos que aportar á cidadanía información clara para que recicle máis, pero tamén mellor”. “Se falamos de papel/cartón e e de envases, reciclamos por riba da media a nivel estatal”, engade a edil, que cre que con campañas coma estas seguirase nesa senda e mellorarase pouco a pouco.
Pero ademais de fomentar a reciclaxe, “queremos ter un Marín máis limpo” e para iso é preciso recordar e facr cumplir unha serie de boas prácticas “imprescindibles para que a vila estea en condicións”. Entre elas, destacan a limitación horaria de botar o lixo aos contedores a partir das 20.00 horas ou facelo sempre en bolsas ben pechadas. “Estas recomendacións, ademáis de á veciñanza, queremos trasladarllas tamén ao comercio, hostelería, restauración… É importante cumprilas para garantir a salubridade xeral”.
De feito, Sanmartín explica que durante estas semanas estase a realizar unha limpeza de todas as illas de contedores, tanto no rural como no centro urbano, “e neles atoparase un adhesivo lembrando estas recomendacións”.
Asemade, na campaña faise referencia á importancia de chamar ao número habilitado para a recollida de enseres, o 900 102 580, que ten horario de luns a venres, de 09.00 a 13.00 horas, “e que garante que o servizo funcione ben e non se fagan depósitos de mobles, colchóns, electrodomésticos… que non se recollan en tempo”.