O Concello de Marín e o Centro Comercial Aberto Estrela de Marín poñen en marcha a campaña “Bonos 20/30 do Comercio de Marín”, unha nova acción de dinamización comercial destinada a impulsar o consumo de proximidade e apoiar directamente aos establecementos da vila.
A iniciativa artéllase a través da distribución de 600 bonos desconto de 10 euros, que poderán empregarse nos comercios adheridos á campaña, xerando un incentivo directo á compra e un retorno económico inmediato no tecido comercial local.
O programa conta coa colaboración institucional de distintas administracións. O Concello de Marín asume o custo íntegro dos 600 bonos, mentres que a Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego, cofinancia a actividade.
Pola súa banda, o CCA Estrela de Marín é a entidade responsable da posta en marcha e xestión integral da acción, encargándose do deseño operativo da campaña, do desenvolvemento do sistema de bonos, da coordinación cos establecementos adheridos, do soporte técnico, do control de redención, do seguimento de resultados e das accións de comunicación asociadas.
O prazo de adhesión para os comercios xa está aberto, e os establecementos interesados poden realizar o rexistro a través do seguinte enlace: https://www.estrelademarin.gal/adhesion-bonos-comercio-de-marin/ A listaxe de establecementos participantes poderá consultarse en: https://www.comerciodemarin.com/establecementos
Os bonos poderán descargarse pola cidadanía desde as 08:00 horas do venres 13 de febreiro e estarán dispoñibles ata o 13 de marzo ou ata esgotar existencias.
Con esta medida búscase reforzar a competitividade do comercio local, atraer nova clientela, incrementar o volume de vendas e visibilizar de forma conxunta a oferta comercial de Marín baixo unha marca común. O sistema de bonos constitúe unha ferramenta eficaz de estímulo ao consumo, cun impacto directo e medible na economía local.
Nos próximos días reforzarase a campaña informativa para facilitar o acceso aos bonos e promover a participación tanto dos establecementos como da clientela.

