Ramallo e Sanmartín, presentaron o cartel.

A festa será o 15 e o 16 de agosto pero xa desde o este venres, día 1, e ata o próximo, 8 de agosto, poderase solicitar a instalación de mesas. Nas próximas semanas, iranse desvelando detalles do programa

A Festa Corsaria é xa desde hai anos unha data referente no calendario festivo de Marín e de toda a provincia durante o mes de agosto. Marín meterase de cheo na época de 1800 coa celebración desta festa, que será os días 15 e 16.

A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, presentaron esta mañá o cartel desta edición, no que se ve á figura central desta época histórica para Marín, o corsario Gago de Mendoza, que tivo entre as súas fazañas máis destacadas a batalla de Aguete do 22 de agosto de 1800, onde defendeu á fragata Alcudia dun asedio das tropas inglesas, que querían roubar o cargamento de prata que se achaba nas súas adegas.

Así, nestes dous días, as actividades e sobre todo as comidas e ceas nas rúas e prazas de Marín serán as totais protagonistas. Para iso, é preciso solicitar autorización, cubrindo un formulario que, ou ben se pode coller físicamente no Concello e entregalo no Rexistro, ou que se pode descargar neste enlace e presentar
a través da sede electrónica, utilizando o trámite de instancia xeral.

Ademais do formulario, haberá que presentar unha copia do DNI da persoa representante e un esbozo ou fotografías que amosen as dimensións do espazo solicitado, o emprazamento e a estética, que será coherente coa temática da Festa Corsaria.

As mesas autorizadas deberán adaptarse ao espazo asignado, terán o número de identificación nun lugar visible e estarán ambientadas acordes coa festa. Todas as persoas da mesa vestirán traxes adecuados á época. No caso dos locais de hostalaría, estes poderán solicitar ampliación de terraza utilizando o mesmo procedemento, pero cun anexo distinto que tamén se atopa no Consistorio e na web. O prazo para todos os casos remata o venres, 8 de agosto, ás 13.00 horas.

Lumes e grellas

Por outro lado e como xa se vén facendo nos últimos anos, estará permitido asar, sempre e cando se marque na autorización e esta sexa aprobada e tendo en conta que o lume deberá facerse só no espazo asignado polo Concello e deberá ter as medidas suficientes para impedir queimaduras. Además, estará prohibido facer lume baixo toldos, instalacións eléctricas ou calquera elemento susceptible de arder.

Todas as normas poden consultarse na web, onde tamén se irán subindo máis novidades respecto da programación da festa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *