A de hoxe, a primeira do próximos catro anos, non reservou nin un só oco para o aburrimento. Unha mañá atarefada na que Araceli Gestido, a nova alcaldesa de Cangas tras ser investida o pasado sábado cos votos a favor de BNG, PSdeG, EU e Alternativa dos Veciños (AV), pasou o seu primeiro día como máxima responsable do Concello. Á primeira hora tocou rolda de presentación e saúdos, a continuación reunións e xa pasada a media mañá, encontro cos compañeiros de filas e primeiras preguntas dos operarios municipais.
Tamén se viron polo Concello os edís do PSdeG e o exconcelleiro de ACE, Adrián Pena, que aínda se atopaba de mudanza.
Polo momento non hai novidade sobre se o tripartito podería pasar a ser cuadripartito, tampouco hai datada ningunha reunión para seguir coa negociación. O BNG insiste en que non hai ningunha posibilidade de que AV obteña a dedicación exclusiva que demanda e, pola súa banda, o partido que encabeza Victoria Portas tampouco moveu ficha. Iso si, diversas fontes apuntan a que non haberá dimisións e que a vontade de AV é entrar no goberno local.
En canto aos soldos das dedicacións parciais e exclusivas, que se asemellarán ás do Concello de Moaña, a idea dos tres partidos é levar a cabo un incremento dos soldos respecto ao goberno anterior. Ao redor de 8.000 euros brutos máis por edil ao cabo do ano.