Un novo evento súmase á programación do verán en Marín. Será o Mambo Festival o próximo 24 de xullo no Parque Eguren, día no que a vila será o epicentro da música urbana e comercial. Será totalmente gratuíto e pensado para gozar en familia e con amigos.
O festival contará cun cartel de artistas de primeiro nivel, encabezado polo recoñecido DJ Totote, un dos nomes máis destacados do panorama actual. Xunto a el, subirán ao escenario Dumore, que tamén estará no Marín Dance Festival; Iván Alonso, Dani Villa e outros DJs locais, que poñerán ritmo a unha xornada que promete ser inesquecible.
O Mambo Festival é posible grazas á colaboración do Concello de Marín e da Xunta de Galicia, e enmárcase dentro do ciclo de Concertos do Xacobeo, unha aposta por achegar a música en directo a todos os recunchos de Galicia e dinamizar a vida cultural da nosa vila durante o verán.
Con esta iniciativa, preténdese reforzar a oferta de lecer para a mocidade e as familias de Marín e a súa comarca, apostando por un evento de calidade que atraerá a veciños e visitantes.