Reducir a factura da luz, ao mesmo tempo que se coida o medio ambiente, é posible e, non só iso, tamén moi recomendable. Con este obxectivo a Xunta de Galicia pon en marcha unha liña de axudas por valor de 3,34 millóns de euros dirixidas ás explotacións agropecuarias galegas que aposten por reducir o consumo eléctrico polo menos nun dez por cento. Poden facelo de diferentes formas, ben apostando pola mellora da eficiencia enerxética das estacións de regadío no caso das empresas destinadas á agricultura ou mediante o cambio, por exemplo, da envolvente térmica das fachadas, o sistema de calefacción ou dar o salto ás enerxías renovables térmicas, entre outras moitas recollidas na orde.
O sector agropecuario é estratéxico para a economía galega, por iso desde a administración autonómica búscase fomentar proxectos de aforro e eficiencia enerxética que permitan a estas explotacións reducir os custos enerxéticos e gañar en eficiencia e sustentabilidade. Desta forma dáse resposta aos obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia 2030 coa que se pretende alcanzar a neutralidade climática en 2050 mediante a diminución da dependencia enerxética exterior e a descarbonización, un dos sete eixos de actuación dos que está composto este documento. Medidas que redundarán directamente e de xeito inmediato nun aforro para as familias e que lograrán unha Galicia máis verde, sostible, competitiva e innovadora capaz de enfrontarse a novos retos enerxéticos na próxima década.
¿Quen pode solicitar as axudas e ata cando?
As axudas, procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética, poden solicitarse tanto por persoas físicas como xurídicas que se atopen á fronte de explotacións agropecuarias. Desde unha explotación gandeira ata comunidades de regadores, asociacións e organizacións de produción agrícola, comunidades de enerxías renovables, comunidades cidadás de enerxía ou empresas que baseen a súa actividade nos servizos enerxéticos. Terán para facelo ata o 31 de decembro do presente ano e cada proxecto poderá recibir un máximo dun millón de euros.
Ata o de agora, a Xunta leva concedidas 54 solicitudes por un importe de 2,09 millóns de euros e leva mobilizado 5,9 millóns.