A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro, Pablo Novas, acompañaron á deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, nunha visita á estes traballos, que se verán complementados pola instalación de abastecemento de auga por parte do Concello
A seguridade viaria e a mellora das infraestruturas é unha liña fundamental de traballo na que coinciden tanto o Concello de Marín como a Deputación de Pontevedra, que está a investir 610.000 euros na EP-1202, o vial de titularidade provincial que conecta a Rotonda da Brea co núcleo de Ameal, chegando ata
Rúanova.
A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acompañaron á deputada de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro a unha visita á propia obra, que está executando a empresa EC Casas, e que avanza a moi bo ritmo. Tal e como indicou a alcaldesa, “con esta obra, renovarase toda a capa de rodadura, repoñendo todo o firme e construíndo as cunetas para mellorar todo o posible en materia de seguridade viaria”. En total, actúase nunha extensión de
2.250 metros de vía.
Ramallo insiste en que se trata “dunha vía moi utilizada pola propia veciñanza desta parroquia pero tamén por moitas das persoas que visitan as nosas praias ou a parroquia de Seixo”.
Nova rede de abastecemento para máis de 32 fogares
A maiores, o Concello está aproveitando a execución destas obras para desplegar, con fondos propios, unha nova rede de abastecemento de auga, creando as acometidas para as vivendas que se atopen entre a rotonda da Brea e o núcleo de Rúanova, beneficiando a un total de 32 casas.
“Vivir no rural ten que ser o mesmo que vivir en calquera rúa do casco urbano e por iso estamos tratando de garantir os mesmos servizos en todo o termo municipal, estendendo cada vez máis a rede, tal e como tamén estamos facendo nestes momentos na zona de Ardán”, finalizou a alcaldesa.
Máis proxectos nesta zona: senda O Campo-Pardavila e cunetas en Marín-As Penizas
Por outro lado, está previsto que pronto arranquen as obras de reposición de cunetas na EP-1201, uns traballos que suporán unha inversión de case 80.000 euros, actuando en 410 metros de lonxitude.
A maiores, tamén se prevé, xusto no punto onde está a marquesiña de Ameal na obra que se está desenvolvendo, iniciar de cara á subida a senda O Campo – Pardavila, unha obra de gran calado que mellorará a seguridade urbana destas parroquias e entroncará coa senda de Pardavila – Cadro, xa executada.

