O presidente provincial do PP, Luis López, calificou hoxe de “comportamento exemplar” a postura e o traballo das agrupacións municipais de Cangas, Moaña e Bueu na defensa dos case 58.000 veciños da
bisbarra do Morrazo fronte ao taxazo do lixo imposto polos gobernos do BNG co poio do PSOE e amosouse convencido de que esta labor demostra, unha vez máis, que “somos o partido da xente”.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra amosou deste xeito o seu apoio aos compañeiros da comarca nunha reunión de traballo cos 22 concelleiros populares dos tres grupos municipais mantida esta tarde na sede do PP de Moaña, a onde chegou tras ser recibido previamente pola presidenta do PP local, Estela Santomé, e os tres voceiros, Dolores Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez. Ao encontro tamén asistiron os membros da xestora do PP moañés que non son edís, en calidade de anfitrións, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, pertencente á bisbarra, pero cuxo concello non está adherido á Mancomunidade.

No encontro, Luis López solidarizouse con Estela Santomé pola súa “expulsión exprés e inxusta” a cargo da presidenta comarcal e alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e reiterou o seu total apoio aos concelleiros do PP polo seu “gran traballo e dignidade”, levando sempre aos distintos organismos e institucións as demandas e necesidades da maioría social do Morrazo, “algo que se visibilizou como nunca no seu rexeitamento ao taxazo do lixo polo clamor cidadá contra esta medida tan esaxerada, pero que sucede con todos os temas que preocupan aos veciños no seu día a día”.
O presidente provincial quixo lembrar que o PP conta no Morrazo cunha representatividade parella á do BNG, ambos por riba dos 11.500 votos e con apenas 300 de diferenza, polo que lle reclamou aos nacionalistas que deixen de actuar “con complexo de superioridade e arrógandose como voz única duns veciños dos que cada vez están máis alonxados” e que colaboren, dialoguen e escoiten as moitas propostas construtivas do PP “para comezar a gobernar para todos os veciños e non centrarse exclusivamente no sectario ideario do Bloque”
Ademais, valorou moi positivamente a unidade de acción, coherencia e sentidiño dos tres grupos municipais do PP no Morrazo e amosou o seu apoio ás súas intencións de seguir traballando durante os próximos once meses para tentar tumbar o taxazo do lixo antes de que entre en vigor o 1 de xaneiro de 2027 e que se negocie unha nova ordenanza consensuada con todos os axentes políticos, sociais e económicos. “Escoitar, atender e entender, ese é o camiño do PP e iso é o que demandan os veciños do Morrazo”, apostillou.
En canto á expulsión de Estela Santomé da asamblea xeral da Mancomunidade celebrada o pasado venres, o líder provincial considera que foi esaxerada e totalmente extemporánea e achacouna ao nerviosismo de Leticia Santos e de todo o BNG pola contestación social neste asunto: “Todos os que presidimos unha corporación sabemos de sobra que hai que actuar doutra maneira, porque vaiche no cargo e en como hai que desempeñalo, e non se poden facer seis advertencias de expulsión en dous minutos agás que non queiras escoitar a quen pensa diferente, algo moi propio do Bloque, ou saibas que non tes a razón e queiras acalar canto antes as críticas pola túa intolerancia”.
“Está claro que somos un partido moi forte e moi unido no Morrazo e demostramos que somos unha clara e sólida alternativa de goberno nos tres concellos, posto que somos os que temos as receitas máis axeitadas e sempre defendemos á xente e así o imos seguir facendo no Morrazo aínda que non lle guste ao BNG”, rematou Luis López.

