O presidente do Partido Popular da provincia de Pontevedra, Luis López, ven de convocar ó comité de dirección da formación, “un dos primeiros pasos logo do congreso para asentar as bases dun proxecto de futuro para a nosa terra”. Esta primeira reunión serviu para marcar a folla de ruta do equipo, “que non é outro que reforzar dende xa as estruturas locais ca vista posta nas eleccións municipais do ano 23”. López estivo acompañado pola secretaria xeral do partido, Luisa Piñeiro, e dos vicepresidentes Nidia Arévalo, Marta Fernández-Tapias e Rafa Domínguez.
Todos eles, nas súas respectivas intervencións, subliñaron a necesidade de intensificar o traballo na rúa. “Canto máis escoitemos, mellores decisións tomaremos para presentar proxectos e acadar gobernos sólidos e estables para a nosa provincia”, dixo López.
“Traballaremos para unir, abrir e fortalecer o noso partido. Ensanchando as nosas bases seremos quen de conseguir amplas maiorías”, proseguiu o popular na súa intervención. “Debemos ser un exemplo e seguir demostrando que o PP ten como obxectivo principal ser útil para a cidadanía”.
“Somos os que máis coñecemos esta provincia, pero non é suficiente. Temos moito que patear e escoitar. Debemos estar nas rúas constantemente e resolver cada un dos problemas que nos trasladen os veciños e veciñas.
Somos un equipo formado por persoas que combinan perfectamente xuventude e experiencia, ademais de contar co aval dar urnas”, explicou o presidente provincial. “Non pido outra cosa que dedicación e compromiso, se cabe máis do que xa tedes demostrado”.