A zona de escalada de Loira que arrancou hoxe.

A alcaldesa María Ramallo e representantes do Club Aromon presentaron oficialmente a zona, que xa está operativa. Esta mesma tarde, arranca o curso de iniciación á escalada que ofrece o club

O Concello de Marín vén de inaugurar a nova Zona de Escalada de Loira, un proxecto que non só fomenta o deporte, senón que tamén pon en valor o atractivo turístico da costa de Marín. Así foi explicado esta mañá desde a propia costa loirense pola alcaldesa, María Ramallo, que presentou a zona xunto ao escalador local, Sergio Piñeiro; os equipadores da zona, Gustavo Fariña e Gabriel González, e a presidenta, o vicepresidente e a vogal de Escalada do Club Aromon, Carmen Iglesias, Manuel Beloso e Águeda Gutiérrez.

Con esta nova oferta, o municipio convértese nun novo destino atractivo para as persoas seareiras deste deporte, especialmente de Galicia e do norte de Portugal. “O nacemento desta nova zona é resultado do esforzo e visión dos escaladores locais David Gómez e Sergio Piñeiro, quen descubriron e propuxeron o potencial dos cantís de Loira para a escalada deportiva”, explican desde o club impulsor da iniciativa.
Pola súa banda, a alcaldesa asegurou que “desde o Concello de Marín, apostamos firmemente por este proxecto, asumindo a implicación económica necesaria para que a zona estivese habilitada cos mellores materiais de seguridade”.

Ademais, Ramallo destacou que “Marín é un referente como destino turístico activo e de aventura e agora moitísimo máis, poñendo en valor estes cantís de granito que forman parte da nosa xoia paisaxística: o noso litoral”.

Tal e como explican desde o club, esta nova área conta con 30 vías de escalada con graos de dificultade que varían desde o III+ ata o 7a+, aptas para iniciación e para escaladores/as iniciados. Ademais, insisten en que toda a zona foi equipada por técnicos da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), garantindo o cumprimento dos máis altos estándares e a normativa vixente por parte da empresa Naturmontaxes.

Tamén se contará con paneis explicativos ao redor, onde se poderán ler as recomendacións básicas para escalar, que son as seguintes, como ter en conta que se trata dun deporte de risco, que é preciso acompañarse sempre dunha persoa con máis nivel, que sempre é recomendable facer previamente un curso de iniciación para as persoas que se estrean nesta disciplina e que debe usarse casco, entre outras recomendacións.

Curso de iniciación

De feito e precisamente para promover o deporte entre a veciñanza, impulsouse un curso de iniciación, que terá hoxe a súa primeira sesión teórica pola tarde no Museo Torres.

O sábado e o domingo seguirá a formación coas sesións prácticas na zona de escalada, da man dos técnicos do club.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *