A concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez, animou a todas as persoas participantes a desfrutar “deste ciclo de conferencias, que xa son unha referencia no eido da divulgación arqueolóxica e patrimonial”
A concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez, inaugurou hoxe as XXII Xornadas Blanco Freijeiro, xunto co coordinador do ciclo, Juan Castro, na Biblioteca Municipal Vidal Pazos. Rodríguez animou a todos os participantes, que estarán toda a semana asistindo aos distintos relatorios, a que desfruten “destas conferencias, que xa son unha referencia no eido da divulgación arqueolóxica e patrimonial”.
O tema escollido para esta edición das Xornadas está relacionado coa recente creación dunha Sala de Arqueoloxía no Museo Torres, que comezou a súa programación cunha exposición temporal sobre o mundo romano en Marín. As Xornadas reforzan esa temática e pechan o círculo, tratando o que supuxo a chegada de Roma ao noroeste peninsular, ao que os romanos denominaron Gallaecia.
Os distintos relatorios xiran en torno a esta idea. Dous deles estarán dedicados a dúas das tres capitais, Lucus Augusti, actual Lugo, e Bracara Augusta, actual Braga. A terceira foi Asturica Augusta, actual Astorga. Coñeceremos o papel que xogaron estas cidades no proceso de romanización do noroeste ou na administración do territorio, ademais do seu urbanismo e arquitectura. Pero a primeira conferencia tratará sobre o campamento romano de Aquis Querquennis, localizado no concello de Bande, no suroeste da provincial de Ourense. Este campamento está vinculado á vía romana XVIII, coñecida como Vía Nova, e a conferencia nos permitirá coñecer este asentamento e tamén como era ese poderoso exército romano. O último relatorio estará dedicado a un tema moi complexo nuns séculos de tantos cambios; o da relixiosidade. Roma chega co seu panteón de deuses a unha Galicia na que existía unha relixiosidade distinta, que se foi forxando durante a Idade do Ferro. Ademais, por se isto fora pouco, paulatinamente se asenta unha nova relixión, que acabará impoñéndose a todas as demais crenzas: o cristianismo.
Para remate, na excursión coa que se pecharán as Xorndas, desprazarémonos ata Allariz, para coñecer a cidade romana de Armea, un espectacular xacemento no que se leva escavando de xeito ininterrompido dende hai trece anos.
Coñeceremos ademais a fermosa sauna galaico-romana do Forno da Moura situada nas inmediacións.
Programa
Martes 28/11/23.
“Aquis Querquennis”. 20:00 h. Relator: Santiago Ferrer Sierra. Arqueólogo, administrador de Prospeccións Arqueolóxicas S.L.U. e Director do Centro Arqueolóxico de Aquis Querquennis.
Mércores 29/11/23.
“Lucus Augusti, unha cidade romana nos fisterres atlánticos”.
20:00 h. Relator: Enrique González Fernández. Arqueólogo municipal de Lugo.
Xoves 30/11/23.
“A construção em Bracara Augusta: sociedade, economia e território”.
20:00 h. Relator: Jorge Ribeiro. Doutor en Arqueoloxía, Laboratório de Paisagem, Património e Território da Universidade do Mihho.
Venres 01/12/23.
“Entre o cambio e a continuidade: unha aproximación á relixiosidade da Gallaecia romana”.
20:00 h. Relator: Aitor Freán Campo. Doutor en Historia, Xeografía e Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela.
21:30 h. Clausura e entrega de diplomas de asistencia, a cargo da Sra. Alcaldesa María Ramallo Vázquez.
Domingo 03/12/23.
Visita ao xacemento arqueolóxico de Armea, Allariz.
“Armea: un castro convertido en Cibdá romana no interior da Gallaecia”.
Guía-relator: Adolfo Fernández Fernández. Doutor en Arqueoloxía, Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo.
A inscrición, coma sempre, será gratutia e pode realizarse a través do mail xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com.