O arrastreiro conxelador, construído tras un investimento de 30M€, partirá rumbo ás Malvinas a comezos de ano, onde traballará no caladoiro das Illas Falklands e se dedicará á captura de lura
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sitúa ao Grupo Pereira como exemplo de vangarda no desenvolvemento tecnolóxico da frota pesqueira galega. Acompañado dos tamén conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e de Política Social, Román Rodríguez e Fabiola García, respectivamente, asistiu á botadura do Argos Berbés, construído por encargo da sociedade mixta participada pola armadora pontevedresa, tras un investimento de 30 millóns de euros.
Para Villares o novo buque é unha clara mostra do potencial da industria marítimo- pesqueira, que contribúe ao desenvolvemento socioeconómico da comunidade e está considerada como un referente no marco da Unión Europea en termos de xeración de emprego, de competitividade empresarial e de abastecemento alimentario.
O arrastreiro conxelador leva a denominación do barrio no que medrou dito grupo empresarial. Partirá rumbo ás augas Malvinas a comezos de ano logo da renovación das licenzas de pesca por 25 anos, o que aporta a seguridade xurídica que se precisa para seguir na senda empresarial da renovación da frota. Traballará no caladoiro sostible das Illas Falklands e dedicarase á captura de lura; especie da que, na última década, en Galicia se descargou unha media de 70.000 toneladas.
Trátase dun buque moderno e de proa invertida xemelgo do Prión, recentemente entregado tamén pola mesma empresa construtora a outra compañía armadora. Ten un rexistro bruto de 2.499 toneladas, 85 metros de eslora e 14 de manga. Ambos buques son os arrastreiros máis grandes construídos ata a data por Nodosa. As súas características ofrecen moi bos resultados, sobre todo, en situacións de malas condicións do mar.
7 décadas en activo
O Grupo Pereira leva 70 anos faenando. Captura 120 especies cos seus máis de 20 buques e ten unha clara vocación exportadora que se circunscribe, fundamentalmente, aos países de Mauritania, Senegal, Nambia, Sudáfrica e ás Illas Malvinas. Destaca, ademais, por ser pioneiro na instauración da súa estrutura societaria que, na Unión Europea, está presente en 25 países, e xeran un impacto indirecto multiplicador. En concreto, preto de 4.700 millóns de euros e máis de 29.000 empregos.
Na actualidade, existen 500 buques en activo participados por empresas españolas e galegas que aportan cada ano 500.000 toneladas de proteína mariña de alta calidade a unha UE cada vez máis dependente de terceiros en materia de abastecemento.
Características do Argos Berbés
Trátase dun buque moderno e de proa invertida xemelgo do Prión, recentemente entregado tamén pola mesma empresa construtora a outra compañía armadora. Ten un rexistro bruto de 2.499 toneladas, 85 metros de eslora e 14 de manga. Ambos buques son os arrastreiros máis grandes construídos ata a data por Nodosa. As súas características ofrecen moi bos resultados, sobre todo, en situacións de malas condicións do mar.