Transporte de ría Vigo-O Morrazo.

Nos últimos meses rexistráronse 12.000 viaxes gratuítas máis que no mesmo período de 2024, o que supón unha media de 540.000 viaxes ao mes. Pontevedra é a segunda provincia galega en número de usuarios

O éxito da tarxeta Xente Nova é indiscutible e ten o obxectivo para o que foi concibida, isto é, concienciar aos máis novos da conveniencia de utilizar o transporte público nos seus desprazamentos, ao ofrecer ás persoas menores de 21 anos 60 viaxes de balde ao mes. A peche de setembro deste ano son máis de 132.000 as tarxetas Xente Nova activas. Ademais, entre xaneiro e setembro deste exercicio o número de altas supera as 20.000.

Nestes meses rexistráronse case 4,9 millóns de viaxes gratuítas, lixeiramente por riba do mesmo período do ano anterior, en concreto, un 0,2% máis. Representan ademais 12.000 máis que no mesmo período de 2024 e unha media que supera as 540.000 viaxes ao mes. Máis da metade, o 52%, corresponden a viaxes da provincia da Coruña, case un 36% á provincia de Pontevedra, e Lugo e Ourense representan un 6% do total cada unha.

O investimento para estas bonificacións supuxo para os usuarios un aforro de case 8,8 millóns ata setembro, case un 4% máis que no mesmo período do ano pasado. En total, dende a súa posta en marcha en agosto de 2016, o número de viaxes realizadas coa tarxeta Xente Nova superou os 33,5 millóns. A bonificación do 100% do custo destas viaxes realizadas polas persoas beneficiarias desta tarifa, cofinanciada entre o Estado e a Xunta, supera os 50,2 millóns de euros.

A tarxeta Xente Nova facilítalles aos menores de 21 anos ata 60 viaxes de balde ao mes no autobús interurbano competencia da Xunta e noutros medios de transporte público na comunidade, como o ferrocarril de proximidade na área de Ferrol e no transporte marítimo da ría de Vigo. Neste último caso, o desconto é asumido íntegra e voluntariamente pola Xunta, ao non estar previstos os corredores marítimos polo Estado. As viaxes bonificadas inclúen desprazamentos interurbanos e tamén urbanos cando se trate de transbordos que formen parte dunha viaxe metropolitana.

O Goberno galego puxo en marcha esta medida co obxectivo de contribuír á economía familiar reducindo os seus custos económicos e mellorar a calidade de vida da mocidade facilitándolle o acceso ao transporte público, ao mesmo tempo que se promove unha mobilidade sustentable nesta franxa de idade. Desde entón, a iniciativa non deixou de medrar e, por iso, dada a aceptación e as vantaxes que representa para os menores de 21 anos e tendo en conta a gran acollida procedeuse á súa ampliación para o próximo ano.

O compromiso da Xunta co transporte público continúa a crecer, e esta iniciativa, sumada a outros descontos como os aplicados á Tarxeta de Mobilidade de Galicia e a tarifa +65 -que tamén oferta 60 viaxes gratis ao mes para maiores de 65 anos- e aos avances na modernización do servizo, ten como finalidade ofrecer alternativas máis accesibles e económicas para a cidadanía.

A política tarifaria que a Xunta aplica a través do Plan de Transporte Público de Galicia constitúe un dos factores determinantes para o paulatino e constante aumento de persoas usuarias do transporte público de competencia autonómica. As bonificacións das tarifas, sobre todo coa tarxeta Xente Nova e a tarifa +65, contribúen ao aumento da demanda do transporte interurbano.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *