O PSdeG PSOE, a través da súa diputada Leticia Gallego, levou hoxe ao Parlamento galego a precaria situación na que se atopa a sanidade pública na área sanitaria de Vigo, e máis concretamente na zona do Morrazo (Cangas e Moaña). Leticia Gallego denunciou a “gravísima situación” que se vive no Morrazo, e pediulle á Xunta de Galicia que “deixe de xogar coa saúde dos cidadáns”.
A deputada socialista alertou de que “a situación da atención primaria na área sanitaria de Vigo é gravísima” e fixo especial fincapé nos prexuízos que se están a ocasionar aos pacientes do Morrazo, os cales sofren a diario unha situación asistencial “indigna e indecente”.
Na súa intervención solicitou o reforzo da ambulancia na comarca porque “están xogando vostedes coa saúde dos galegos e galegas”; e reclamoulle á Xunta que “incorpore de maneira inmediata máis persoal facultativo”aos centros médicos. Por iso, manifestou que “resulta necesario poñer de xeito urxente á dispor dos centros de saúde os recursos humanos suficientes para atender as necesidades de cada municipio conforme a súa poboación, para deste xeito garantir a correcta e plena asistencia sanitaria na Atención Primaria”.
Ao fío disto, tamén lamentou que a Xunta renunciase a formar a 151 médicos de familia na última década, outra circunstancia que afonda no abandono e o deterioro da sanidade pública galega.
En definitiva, dende o PSdeG temos claro que o señor Feijoo é o único responsable da precaria situación sanitaria: “a atención primaria está totalmente desbordada, con xornadas de ata 190 pacientes nalgúns PAC, cuns profesionais esgotados, con cada vez máis cadros de depresión e ansiedade entre os médicos e médicas e cun total desánimo”.
Nesta liña, Leticia Gallego advertiu que “o goberno do señor Feijoo “está acabando coa sanidade pública e de calidade en Galicia e coa paciencia dos profesionais da sanidade que non poden máis e así o están denunciando”.
Dende o PSdeG queremos resaltar a importancia do movemento social en defensa da sanidade pública, poñendo en valor as protestas que semanalmente se realizan no Concello de Moaña, onde goberno municipal, Plataforma sanitaria en defensa da sanidade Pública, colectivos sociais e veciñais e veciñanza en xeral loitan para que a Xunta mude de criterio no tocante ao regreso das Urxencias a Moaña, ao reforzo da ambulancia e ao establecemento dunha atención primaria digna.