A media tarde de hoxe cascotes de gran tamaño desprendéronse da cornixa dun edificio situado no centro de Marín. Concretamente na esquina das rúas Menéndez Núñez e A Estrada, en cuxos baixos se sitúa o supermercado Gadis, fronte á xefatura da Policía Local. Precisamente porque se trata dunha zona moi concorrida, foi todo un milagre que non houbese feridos. Ata o lugar trasladáronse os Bombeiros do Morrazo para revisar o resto da cornixa e limpar aquelas pedras que puidesen ter risco de caída.
Segundo fontes municipais, en principio non hai perigo de que se poida desprender ningún cascote máis pero por seguridade a comunidade de propietarios instalará unha pasarela sobre a fachada para evitar desprendementos maiores como medida de prevención.