O edil manifestou a súa decisión de concorrer “cun equipo amplo e transversal, centrado nos problemas da xente do Bueu real, afastado dos politiqueos do Concello actual”
O edil non adscrito do Concello de Bueu, Daniel Chapela, anunciou no día de hoxe a súa decisión de concorrer ás eleccións do ano 2027, unha decisión que considerou “profundamente meditada durante os últimos meses”. Así, o edil afirmou que “me presento coa firme convicción de que Bueu non pode vivir máis na parálise que os tres partidos lle están dando nos últimos anos, pensando antes nas siglas que na veciñanza”. Dese xeito, considerou probado que “o tempo de Félix Juncal rematou, a cidadanía xa hai tempo que amosa o seu cansanzo, e Bueu precisa dunha alternativa seria e solvente, con propostas e con ganas de traballar pola vila, especialmente polo futuro da xente moza e das nosas parroquias e aldeas”.
Precisamente, Chapela referiuse á situación dunha mocidade que “non consegue en Bueu desenvolver un proxecto vital e vese obrigada a quedar nunha cidade ou seguir vivindo cos seus pais, algo inconcibible hai 30 anos”. “Necesitamos que Bueu pense en grande, porque temos recursos, temos potencial e temos todo o que fai falla para que Bueu destaque e medre”, indicou, dicindo que “o que represento e o que defendo é un Bueu en positivo, que non se lamenta xa do tempo perdido, senón que quere mirar cara ao futuro con medidas e propostas concretas”.
Así mesmo, o edil valorou tamén a relevancia das parroquias do municipio, que precisan “alguén que teña propostas e proxectos para elas, tal e como veño demostrando desde hai máis dun ano, con iniciativas para Cela, Meiro, Ons, Beluso, A Roza etc., buscando que o noso rural teña os servizos públicos que merece, desde saneamento até beirarrúas”. O concelleiro, que afirmou que “a política de partidos hai demasiado tempo que desconectou de Bueu”, quixo “facer fincapé en puntos referenciais do meu traballo previo e da proposta que presentarei ante as urnas no futuro”. “Asuntos como o comercio local, o emprego, a xuventude, o mantemento dos espazos públicos, o desenvolvemento de viais básicos, o
mantemento do centro urbano, a reducción do despilfarro en sobresoldos a policías, macetas
etc., a aposta pola cultura e polos edificios culturais, a accesibilidade do noso municipio a
todos os niveis ou moitos outros temas que abordei foron para min cruciais todos estes anos e
seguirán sendo os piares básicos do meu traballo”.
“As xentes de Bueu precisan alguén que non queira enganalos”, subliñou, reseñando como
“mentres moitos desaparecen das rúas fóra da campaña electoral, eu quero seguir estando
onde sempre: ao alcance de calquera veciño para defender desde as necesidades de Petís e
Mourisca como a importancia de prazas para PMR e o saneamento de Bon”. “Preséntome
porque quero un Bueu mellor e as ganas de traballar por Bueu nunca nolas van roubar”,
concluíu.

