Os xornalistas Susana Pedreira e Ramón Rozas e as escritoras Arantza Portabales e Elena Gallego serán as persoas que conformen o xurado. As bases xa están dispoñibles na web municipal. A concelleira avanza que se está a preparar un evento literario de gran envergadura para a fi n de semana do 17 de maio
A tradición da poesía oral popular e as súas grandes transmisoras, as cantareiras, serán as homenaxeadas co gallo do Día das Letras Galegas, unha data para a que se convoca o XVIII Premio de Narración Curta Concello de Marín, que foi presentado pola concelleira de Cultura, Marián Sanmartín.
“Queremos repetir o enorme éxito que tivo a convocatoria do ano pasado, que tocou poesía, pero agora coa narrativa curta e motivar ás persoas apaixoadas da creación literaria a que se animen a participar”, explicou a concelleira, que quixo facer fi ncapé no “xurado de luxo” que se conformou para a convocatoria e que estará formado por catro persoas de enorme relevancia no mundo literario: os xornalistas Susana Pedreira e Ramón Rozas e as escritoras Arantza Portabales e Elena Gallego.
O certame está aberto a todas as persoas de calquera nacionalidade, que sexan maiores de idade (18 anos), podendo presentar unicamente un traballo por persoa. Os traballos serán en lingua galega, orixinais e inéditos, de temática libre e cunha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10.
Os criterios de valoración que se terán en conta serán a orixinalidade no tratamento da temática e na súa exposición literaria, o emprego dunha linguaxe e estilo ricos, así como o rigor e a calidade da obra.
O prazo para presentar manuscritos será ata o 2 de maio ás 14.00 horas, a través do sistema de plica, enviando os traballos ao Concello de Marín en dous sobres separados, coa obra fi rmada baixo seudónimo. O premio será único e indivisible e estará dotado coa contía de 1.000 euros.
O xurado dará a coñecer o fallo o 14 de maio, xa que a entrega do premio formará parte do acto institucional que se celebrará polo Día das Letras Galegas.
Un evento literario de envergadura para toda esa fin de semana
Sanmartín avanzou que o acto institucional do 17 de maio no que se entregará o premio “formará parte dunha intensa e longa programación, que se estenderá durante toda a fi n de semana, na que albergaremos un evento literario de gran envergadura”.
A edil asegura que durante a próxima semana comenzarán darse as primeiras informacións, pero que será “unha iniciativa coa que Marín se transformará tendo a literatura como eixo central”.