A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, mantiveron hoxe unha xuntanza na que abordaron distintas cuestións relacionadas coa ordenación portuaria deste municipio. Entre elas analizaron e debateron sobre distintas posibilidades de colaboración para o control da pesca recreativa no peirao da vila co obxectivo de avanzar na autorización da pesca de lecer coas maiores garantías tanto para os pescadores como para a actividade propiamente portuaria.
A finalidade do ente público, din nun comunicado, é alcanzar acordos de colaboración neste eido con outros Gobernos locais e avanzar no que xa se fixo cos concellos de Cervo, Malpica, Muros, Porto do Son e Ribeira. Ademais, trataron distintas cuestións relativas a melloras en zonas municipais vencelladas co ámbito portuario, un asunto que ambas partes se comprometeron a analizar detidamente para comprobar a viabilidade de posibles actuacións conxuntas.
Este encontro dá continuidade á visita que Susana Lenguas realizou a mediados de xuño a Bueu e ten como finalidade avanzar na seguridade das instalacións portuarias e facilitar a actividade dos seus usuarios así como facer seguimento das obras de mellora que Portos de Galicia ten proxectadas para este concello.